Opinión

Complicada suma

TEN COMPLICADO Yolanda Díaz fusionar a cainita esquerda da esquerda, sempre esgazadora máis que aglutinadora por crítica coa estrutura grupal. En Andalucía comprobou as dificultades de unión, superadas ao límite, o que deixou tecnicamente fóra a Podemos, aceptado nas listas como independente ante a imposibilidade legal de participar no proceso electoral. Ademais quedou apartado Adelante de Teresa Rodríguez, escindida xa hai tempo do partido morado e que segue indo por libre. Separa Díaz o seu proxecto do sucedido na comunidade verdebranca porque non reflicte a amálgama que promociona, cidadá máis que de partidos, pero estes dificilmente se apartarán para deixar liberdade de mando. Na súa xeira española por escoitar, que máis ben se pode interpretar como intento de liderar e que iniciará en verán, ten moito que atraer para fortalecerse e superar os erros de Andalucía, por moito que ela non queira asomar entre un remuíño de siglas.

Comentarios