Opinión

Contas excesivas

EXCÑITANSE AS redes cada vez que se remexen seudoinformacións referidas a que España é o Estado con máis políticos. País de excesos, espállanse polo mundo virtual cifras abraiantes pero que nada teñen que ver coa realidade. Distamos moito de ser os primeiros nisto, por moito que circulen números que van dos 450.000 ao medio millón. En España hai 67.515 concelleiros (dos que máis do 90% non cobra, se acaso algunha dieta de cando en vez; de soldazos, nada), 350 deputados, 265 senadores, 69 delegados e subdelegados do Goberno, 54 eurodeputados, 1.258 deputados autonómicos, 186 conselleiros (algúns duplicados como deputados), 3.698 altos cargos nas comunidades (a maioría xa funcionarios), 23 membros do Consello de Ministros (algúns tamén deputados, pero non imos descontar), 687 altos cargos da Administración central. En total, 74.105 políticos. É posible que falten algúns, e por non escatimar poñámoslle 25.000 asesores (esaxerando ata o abuso), nunca pasarían de 100.000, e deles dúas terceiras partes sen cobrar. A que non é tanto!