Opinión

Denuncia do desequiliblio idiomático

HOMENAXEÁRONSE as letras galegas. Unha vez ao ano, só. A mellor distinción é falalas ou escribilas todos os días; pero cada vez faise menos. Alertaba este mesmo mes o presidente da RAG de que o 35% do alumnado castelanfalante acaba a educación secundaria con escasa competencia en galego e considera inaceptable que un neno galegofalante na casa volva da escola co castelán como primeiro idioma, e iso é peor, por moito que vexa gañada a batalla do prestixio da lingua. Xela Arias, a quen se lle dedican as Letras 2021, laiábase hai décadas do desequilibrio social, idiomático tamén. E o seu pai, Valentín Arias, proclamaba a transmisión xeracional da lingua cando a nena só tiña seis anos. Era 1968, pero agora, tanto tempo despois, aínda se segue sufrindo a involución de ter fillos galegofalantes reconvertidos nas aulas porque o galego non é máis que unha materia escolar, con menos prexuízos sociais que daquela, si; pero aínda relegada.

Comentarios