Opinión

Estados á altura de delincuentes

É O PROBLEMA da morte, que é irreversible. Erros xudiciais existen, e utilizacións procesais con fins espurios tamén, por moi democrático que sexa un sistema, pero acabar legalmente coa vida dunha persoa inocente é a maior perversidade. China vén de exculpar agora a un axustizado hai 21 anos. O seu nome queda limpo como única recompensa, porque a vida non se recobra. Non é o primeiro caso nin será o derradeiro en algún do medio cento de países do mundo que aínda manteñen a pena de morte. É humano reclamar o castigo máximo para quen comete delitos aberrantes, pero vólvese monstroso que un Estado o acepte, porque as institucións deben estar para aplicar cordura, non para satisfacer os máis baixos instintos. Onde se aplica a pena de morte non descende o índice de criminalidade, entón é difícil xustificala, a non ser que os cidadáns se poñan á altura dos delincuentes.

Comentarios