Opinión

Igual ou peor, mellor non

Seica iamos saír mellores da pandemia que hai tres anos nos meteu nas casas, nos enmascarou e deixou milleiros de baleiros. Si que houbo cambios nas relacións laborais, con máis teletraballo, e na distribución veciñal polo territorio, con lixeiro aumento en zonas rurais, máis como residencia que como medio de vida; pero nos vínculos humanos mantémonos igual, se non peor. Como liberais que maioritariamente somos, ou sexa, egoístas, non incrementamos o estímulo solidario, ese polo que se comparte o que se ten, non cando se entrega o que sobra. E se a cidadanía se reflicte nos nosos representantes, estes en vez de facilitar a convivencia elevan o ton da ofensa tanto que ata se desexa que tivera abortado a nai dun rival. Ansias de morte no extremo de agravios, inxurias, insultos grosos e improperios dispares que cicelan as descualificacións cruzadas e reflicten tolerancia escasa. Xenerosidade mínima de limitada bondade, peor quizais que antes.

Comentarios