Opinión

Se non funciona un sistema hai que cambialo

CO BIPARTIDISMO funcionaba, pero non serve cando a dispersión representativa atomiza o Parlamento tanto que o bloqueo non permite a elección de presidente nin, polo tanto, que se constitúa un Goberno. Isto non ocorre nos concellos, nos que chegado o día, tres semanas despois dos comicios, hai alcalde. En Grecia acaba de acontecer que a xornada seguinte das lexislativas xa tiña novo Executivo. Certo que axudou a maioría absoluta, alcanzada porque o partido principal recibe un agasallo de 50 deputados. Aquí tras as xerais poden pasar meses de estancamento, como agora, ou hai tres anos con Rajoy, e incluso ter que volver ás urnas. E nas comunidades autónomas poden ata suceder cousas tan estrafalarias como que se celebre un pleno de investidura sen candidato. Iso ocorreu onte en Madrid. Cando un sistema non funciona, a obriga é cambialo, porque ningún Estado se pode permitir que as institucións funcionen sen dirección por tempo indefinido.

Comentarios