Opinión

Non lle vale a doutrina de non tomar decisións

A DIFICULTADE que terá Rajoy para gobernar quedará reflectida na votación que lle permita ser investido. Se non conta con máis apoios có xoves, 170 votos a favor. Será a segunda vez na democracia que un presidente non alcance a maioría absoluta no Parlamento. Só pasara con Felipe González en 1989, cando sumou 167, aínda que daquela quedaran vacantes 18 asentos ao non adxudicarse os deputados de tres circunscricións. De completarse o hemiciclo, chegaría a 175. Será imprescindible entón para Rajoy negociar, algo descoñecido ata agora, pois nos catro anos anteriores aplicaba o pisón numeral para aprobar as súas iniciativas ou recorría á doutrina conservadora do que Bachrach e Baratz chamaron «non adopción de decisións», inmobilismo por falta de iniciativa ou para frear calquera outra contraria. Agora cambia. Xa no discurso ofreceu pactos a esgalla. A ver como leva a transformación.

Comentarios