Opinión

Opulentos vulnerables

NO GOBERNO de Madrid hai un vicepresidente vulnerable. Non porque teña politicamente un flanco sensible por onde poida atacalo a oposición, que ao mellor tamén, senón por dificultades familiares.

O seu patrimonio achégase ao millón e medio de euros e o soldo anual supera os cen mil, pero está tan desvalido que se ve na necesidade de recorrer a un bono público para afrontar o pago da calefacción e a auga quente. Ten dereito. Todo pola descendencia de catro fillos que corren o risco de pasar frío invernal se o Estado non se ocupa deles, pois o soldo do proxenitor polo visto non lle alcanza para cubrir as súas necesidades básicas. Entón legalmente permíteselle recorrer aos servizos sociais tantas veces vilipendiados, por el tamén.

En Madrid as familias con ingresos que incluso dupliquen o soldo medio teñen dereito a bolsa de estudos aínda que se manden os nenos a un colexio privado. Pobres, non vaia ser que sen estas axudas de todos non teñan para pagar a luz.

Comentarios