Opinión

Pagar máis có resto

AS PEAXES da autoestrada do Atlántico encarécense o dobre que as restantes vías deste tipo en España. O contraste é aínda maior coas rescatadas polo Estado, que son rebaixadas un 30 por cento. Calquera galego que use esta infraestrutura terá razón de queixarse de discriminación, porque é certo o acordo de que unha parte é para sufragar as obras da ponte de Rande e da variante de Santiago, pero iso é achacable á xestión do Goberno central, este e os anteriores, que non debería repercutir nos usuarios, castigados polo feito de desprazarse nunha determinada comunidade autónoma. Concretar o traspaso á Xunta da AP-9 aprobado case por unanimidade no Congreso —só o rexeitou Ciudadanos— non significaría a gratuidade inmediata, pero sería un primeiro paso, aínda que tal como funcionan as administracións iso seguro que vai para longo por moito que desde Galicia se reclame celeridade. E mentres, os galegos seguirán pagando máis có resto.

Comentarios