Opinión

Patriotas ou non tanto como din

Os menos patriotas nesta loita contra o virus son os que se prezan de selo, os que unicamente parecen solucionar os problemas con bandeiras, a media asta, nos balcóns, nos pulsos, nos coches, inmensas como a colocada hai ben anos na praza de Colón de Madrid, por ver quen a ten máis grande, como se a querenza se medira en metros de tea. Pero aínda que o crean, non son nada patriotas nesta guerra contra un inimigo invisible cando pretenden desmoralizar unha poboación que loita confinada ao lanzar anonimamente miles de mensaxes espalladas polas redes cargadas de falsidades e de odio. No Parlamento acusan aos seus rivais de mentir e pola contra multiplican falacias das súas factorías virtuais co fin de perverter a percepción dos cidadáns. Patriotas de quincalla aos que pouco parece importarlles o sacrificio dos demais con tal de lanzarlle aos contrincantes os mortos á cara. Grandes declaracións para a galería contrastan coa perversidade detrás da bandeira.

Comentarios