Opinión

Poder sobre os tres do Estado

O BANCO de España insta á banca a non subir as comisións de forma abusiva. Isto é porque teme que vaia ser así. De feito, xa está ocorrendo que de xeito unilateral as entidades apliquen gravames que os clientes non poden rexeitar. É a aplicación do seu poder, maior có político, debido a que os Estados dependen deles. Saneáronse con cartos públicos, pero iso non impide que poidan facer recortes colosais de persoal como proxectan na actualidade dous bancos (máis de 12.000 postos de traballos entre ambos) e que os directivos alcancen soldos e bonus desmesurados. A vicepresidenta Calviño tamén trasladou a súa inquietude polos excesos dos altos executivos en contraste cos fortes axustes nos cadros de asalariados, pero como brinde ao sol porque o único que pode facer é recomendar, a pesar de que o Estado ten unha importante participación nunha das entidades. É o poder do sistema financeiro, ao que clientes e gobernos se dobregan.

Comentarios