Opinión

Pureza étnica

HUNGRÍA BUSCA traballadores estranxeiros, pero non chega con que sexan expertos en telecomunicacións, programadores de primeiro nivel ou que participaran no desenvolvemento dun motor para un fórmula un. Iso é importante, porque o país precisa de man de obra cualificada, pero non se aceptarán se non son brancos nin cristiáns, non vaia ser que se mesturen cos nativos e se deteriore a raza e se distorsionen as crenzas. Parece unha idea xenófoba concibida por un estrafalario persoeiro, unha voz illada dentro dunha multitude permisiva. Pois non, trátase dunha proposición do Goberno húngaro, sustentado nunha ampla maioría absoluta. É o mesmo que xa se negara a cumprir a esixencia da Unión Europea de acollemento de 1.200 asilados que fuxían da guerra, non fora ser que acabasen influíndo e contaminando os dez millóns de húngaros puros e superiores a negros ou asiáticos. Tremendo.

Comentarios