Opinión

Retornos para crecer ou seguir minguando

Haberá que deixar pasar algún tempo máis para comprobar se se rendibilizou a lei de impulso demográfico de Galicia que se empezou a tramitar hai máis dun ano e se aprobou hai medio. Iniciativa loable que busca combater o descenso poboacional, pero ata agora sen resultados, nin en conciliación, nin coa populista Tarxeta Benvida, nin en retorno de emigrantes. Este último sería o barómetro indicativo de se a comunidade é terra de futuro ou sigue minguando. Repaso rapaces da promoción do meu fillo maior (do 1992) e atopo un enxeñeiro industrial empregado en Múnic, outro en Toulouse, un traballador social en Baleares, ao que acompañaron despois outros porque alí había emprego; un socorrista nas mesmas illas, un enxeñeiro mecánico en Barcelona logo de pasar por León, unha arquitecta na mesma cidade, unha enfermeira en Cantabria cansa de ter aquí contratos de día ou de semana. Todos lucenses, formados en Galicia. Se retornan será útil esa iniciativa.