Opinión

Saber votar

MÁIS DIFÍCIL que saber perder é saber gañar. Igual que nun partido de fútbol é pouco deportivo mofarse do rival tras unha vitoria, o mesmo ocorre nunhas eleccións, e nelas sobre todo, pois os vencedores máis ca un trofeo obteñen a responsabilidade de xestionar unha institución durante catro anos. A non ser que o único que busquen sexa poder, en vez do benestar e a mellora dos cidadáns que representan, que o pobo sexa unha ficción. Nestes comicios algúns demostraron non saber perder (Aguirre é o caso máis evidente, por máis que apele a que encabezou a lista máis votada), pero seguro que dos outros, dos que non saben gañar, abundan. Segue habendo políticos e os seus círculos que non admiten un voto que non sexa dos seus, que están convencidos do erro dun sufraxio distinto, e lamentan que millóns de persoas "non saben votar". Aí empeza o camiño das ditaduras. Perigo.

Comentarios