Opinión

Segunda oportunidade

Mal negocio o emprendido por Pedro Sánchez coa repetición electoral. E non só polo seu descenso (leve, si, pero descenso), senón porque conta cun posible socio menos, o esborrallado Ciudadanos. E ao tempo favoreceu o considerable incremento de Vox, ao que Cataluña deu ás. Tanto que a extrema dereita incluso ameaza a dereita clásica, á que superou nalgunhas provincias. Entón o novo Congreso (os 350 deputados son os que elixen o presidente; non está de máis recordalo, porque temos unha democracia indirecta) só ofrece dúas posibilidades para evitar a convocatoria dunhas terceiras eleccións, que PSOE e Podemos coas súas confluencias e algúns partidos nacionalistas cheguen a un acordo de Goberno, ese que non foron capaces de alcanzar en abril e nos meses posteriores, ou que os socialistas formen un executivo en solitario grazas á abstención do PP, que é a fórmula que reclamou o inquilino da Moncloa antes de novembro e co que insistirá agora. Non se despexaron dúbidas logo de sete meses perdidos. A caída de Cs compénsase pola dereita en parte coa subida dos ultranacionalistas. Pero os bloques de aparente proximidade ideolóxica mantéñense, polo que a situación non difire en demasía da lexislatura fallida. Pedro Sánchez terá así, igual que lle pasou para a secretaría xeral do partido, unha segunda oportunidade. Se non a aproveita desta, tería complicada unha terceira.

Comentarios