Opinión

Sobran broncas e falta achegamento

NA CAMPAÑA electoral de hai case tres meses, os que van de interinidade eufemisticamente denominada en funcións, apelouse ao espírito da Transición como nucleador dunha necesaria segunda transformación do país, que aglutinara nun toro común as distintas gallas e solucionara algunhas eivas que daquela quedaron e se ensancharon coa crise. Pero visto o debate de investidura de Pedro Sánchez, a esencia que emanaba das cesións dos partidos hai corenta anos non impregnou desta volta o Congreso, máis ben contaminouno, pois excepto a compracencia entre o PSOE e Ciudadanos, o resto foi disparo a discreción de todos contra todos. Novos tempos e as mesmas broncas, máis estridentes incluso, con reproches inauditos entre quen dentro de pouco poden ser socios de goberno. Recuar á casiña de saída pode facelos recapacitar, pois outras eleccións non aventuran distintas solucións numéricas.

Comentarios