Opinión

Vaise aos poucos

 

IGUAL QUE Bárcenas se ía en diferido do PP, como abandonando o partido a prazos, Cospedal vaise un chisco, deixa a dirección, pero mantén o seu escano no Congreso. "De momento", como dixo quen a relevou na secretaría xeral tan comprometida no seu desempeño sobre todo pola trama Gürtel. Esa rede púxoa contra as cordas cando estourou e agora tena na lona, non noqueada, pero perdendo aos poucos, golpe tras golpe, cada vez que xorde unha nova conversa co corrupto excomisario Villarejo. Cospedal ía liderar a lista popular ao Parlamento Europeo, e iso está en cuestión, se non eliminada, pero o trompazo non o recibiu só ela, senón que de rebote impactou en Casado, presidente do PP en boa parte polo apoio de quen quedara en terceira posición nas primarias, aliados para derrotar á gañadora desas eleccións, Soraya Sáenz de Santamaría. O silencio de Casado é cómplice e iso afecta á súa credibilidade para a obrigada rexeneración do PP.

Comentarios