Opinión

Xenerala, aínda que non o admita a RAE

XENERALA. ASÍ, rematado en a. Sempre foi xeneral, porque para que ía permitir a academia española feminizar o substantivo se non había ningunha persoa en España á que así se tratara. A galega si admite o feminino. Antes, un século atrás, tampouco nunca houbera aquí ministras, nin sequera deputadas, nin arquitectas. Se recuamos aínda máis, nin avogadas, nin médicas, nin xuízas. Pero aínda que non exista igualdade, a muller xa pode desempeñar calquera función, entón os machistas que agora se poidan rir de chamarlle a unha persoa xenerala, igual que antes o fixeran con fiscala, concelleira ou presidenta, porque en tempos os postos estaban cubertos só por homes, non entenderán que a linguaxe evoluciona, e igual que xorden neoloxismos e se asimilan anglicismos feminízanse palabras, por máis que os colectivos conservadores non o acepten, como se o idioma fose intocable. A linguaxe non é neutra, por iso pretenden ridiculizar a inclusiva.

Comentarios