Opinión

Xustificacións bélicas

SON EXCEPCIÓN os presidentes estadounidenses sen a súa guerra, e como non resta moito para que Trump acabe o mandato e non ten garantido o seguinte parece que argalla a súa. O actual inquilino da Casa Branca, continuador da idea de Bush de aglutinar baixo a cualificación de eixo do mal todos os países que non son amigos, semella que leva buscando diana desde que dirixe o país máis poderoso do mundo.

Intimidou a Corea do Norte e amedrentou uns cantos estados máis pero non chegou ao nivel de provocación que con Irán ao matar un alto cargo militar, como agardando unha reacción que xustifique o ataque, aínda que logo recuara. Trump apóiase en dúas gallas para razoar o terrorismo de Estado contra o réxime persa, preventivo ante o que considera ameazas, pero tamén como represalia. Argumentos vacuos para un país democrático, pero a ver quen lle tuse. Se fose á inversa, xa estaría engraxando a maquinaria bélica, e se non igual tamén.

Comentarios