Opinión

A felicidade atópase no camiño

É A FINALIDADE última da existencia humana, o que non é pouco e, malia iso, adoitamos aparcar a busca da felicidade nun segundo plano para perseguir metas como o éxito, o pracer e a acumulación de bens materiais. No camiño, a insatisfacción e a frustración impídennos gozar das pequenas cousas capaces de arrincarnos un sorriso e adozarnos a vida, porque a dita hai que procurala nas cousas do día a día e non proxectala no longo prazo e nas grandes xestas. Non é un debate que se circunscriba ao mundo filosófico, pois a propia Onu recoñece que «a felicidade e o benestar son obxectivos e aspiracións universais» para a humanidade e, como tal, chama aos gobernos a orientar as políticas públicas e incluso o crecemento económico cara á consecución desta meta.

Malia este empeño, a celebración do Día Internacional da Felicidade que Nacións Unidas fixou no 2012 cada 20 de marzo pasa desapercibida. E que dicir da xestión dos políticos, que nos últimos anos minou os alicerces do estado de benestar ao mesmo ritmo que a corrupción e os intereses persoais infectaron o sistema e anularon a busca do ben común.

As persoas felices producen e viven máis e son mellores cidadás. Son as conclusións dun estudo de Nacións Unidas

Xa no século IV antes de Cristo Aristóteles situou a felicidade (‘eudaimonía’) como o obxectivo último que ambiciona o home e tamén como o máis perfecto e completo, pois a riqueza, as honras, a fama e o pracer nos que moitos se perden non son máis que medios para intentar alcanzar a ledicia, pero non sempre son unha garantía. Para o filósofo grego, só conxugando a consecución de bens materiais coa sabiduría e o desen volvemento de virtudes como a temperanza, a fortaleza, a xustiza, a intelixencia e a prudencia sería posible achegarse á verdadeira dita. Este estado incluso constituíu un piar da súa teoría política, pois concluíu que o ben común dunha sociedade non é máis que a suma da felicidade de cada individuo, polo que apuntou que o papel dos estados pasa por formar os cidadáns na virtude para que sexan ditosos, unha reflexión que hoxe segue sendo válida.

Esta concepción supuxo unha evolución con respecto á definición que dera o seu mestre Platón, para quen a felicidade só sería alcanzable a través da virtude e o raciocinio, desligándose dos sentidos e os desexos. Sobre esta base, Aristóteles concedeu un papel central á amizade. «Sen dúbida resulta estraño definir ao home perfectamente feliz como un solitario, pois ninguén, en efecto, elixiría posuír todos os bens do mundo para gozar deles só, pois o home é un ser político e naturalmente feito para a vida en sociedade», escribiu ata chegar á conclusión de que «o home feliz precisa amigos».

Sen entrar en profundidades filosóficas, o dicionario da RAG define a felicidade como «un estado de plena satisfacción», unha situación que algunhas institucións incluso se atreven a medir.

Así o fixo Nacións Unidas, que sostén que os países con maiores niveis de ledicia son Dinamarca, Noruega e Suíza, onde o estado do benestar está moi desenvolvido; en tanto que no furgón de cola están os cidadáns de Ruanda, Burundi e a República Centroafricana. Elaborado en base a enquisas realizadas entre 2010 e 2012, o estudo sitúa os españois no posto 38, avantaxados polos venezolanos, kuwaitís e o resto de veciños do euro, coa excepción de Italia, Portugal e Grecia. Botando por terra os tópicos sobre a influencia do sol e o clima no carácter das persoas, o estudo, publicado no 2013, constata que a crise económica minou o benestar dos cidadáns destes catro países do euro. O PIB per cápita, a esperanza de vida, a percepción da corrupción, o respaldo social, a prevalencia da xenerosidade e a liberdade para tomar decisións na vida son as variables que os investigadores elixiron para tomarlle as medidas á felicidade.

Malia que en Occidente vivamos nunha contorna na que os medios para ser felices están relativamente ao noso alcance, non todos temos a mesma predisposición

Os autores téñeno claro: as persoas ledas duran máis anos, son máis produtivas e faltan menos ao traballo, gañan máis e tamén son mellores cidadás. O estudo dedícalle un apartado ao estreito vínculo entre a saúde mental e a infelicidade, tendo en conta que trastornos como a depresión ou a ansiedade afectan a un de cada dez humanos. A Onu sinala que nos países ricos só unha terceira parte dos afectados se someten a tratamento, con taxas de recuperación que superan o 50%, o que reduce os custos sociais e sanitarios que ocasionan estas enfermidades. Dado que estas ratios son moi inferiores nos países sen recursos, a organización chama a universalizar o acceso aos tratamentos.

Malia que en Occidente vivamos nunha contorna na que os medios para ser felices están relativamente ao noso alcance, non todos temos a mesma predisposición. Algúns vense incapaces de gozar das aspiracións conqueridas, chegando a experimentalas como un fracaso. A psicoloxía moderna catalogouno como complexo de Polícrates, un gobernante que controlou a illa grega de Samos no século VI a.C. que temía que os deuses o castigasen por ser ditoso cos seus éxitos e que acabou morrendo vítima de torturas. Algúns teóricos chegaron a atribuírlle esta doenza a Rosalía de Castro, ao reflictir sobre todo a partir de ‘Follas Novas’ unha concepción da ledicia como un presaxio da fatalidade. «Cando un é moi dichoso, moi dichoso, ¡incomprensibre arcano! casique —n’é mentira anque a pareza— lle a un pesa de o ser tanto», plasmaba nunha estrofa a autora marcada por traxedias persoais como a morte accidental do seu fillo Adriano, de só un ano, e a da súa derradeira filla, que naceu sen vida.

Ante probas como a morte e a enfermidade cobra se cadra máis importancia celebrar os pequenos actos da vida que nos enchen, aínda só que sexa fugazmente, de ledicia, como unha reunión coa familia ou os amigos, un bico, unha mirada cómplice ou a práctica dun deporte. Ao goce dos pequenos praceres da vida é ao que chama o cineasta francés Jean-Pierre Jeunet en ‘Le fabuleux destin d’Amélie Poulain’. Con gran destreza, a través da busca do amor que emprende a protagonista fainos ver que non hai receitas xerais para ser felices, aínda que a esperanza, a empatía e algo de dedicación aos demais poden resultarnos de grande axuda para realizármonos.

Comentarios