Miércoles. 14.11.2018 |
El tiempo
Miércoles. 14.11.2018
El tiempo

A tempestade / RKX-5

A tempestade

Estaba eu no parque de bólas. Era o aniversario dunha amiga, levaba alí dende as catro. Pola mañá ía bo tempo e nunca cheguei a imaxinar que despois de saír suando como unha tola me encontraría cunha terrible tempestade que calaba as botas da xente, e eu... ía en manga curta e sandalias!

Morría co frío e non levabamos paraugas. Vía como as árbores se axitaban bruscamente e as gotas golpeaban a miña cabeza como enormes chorros a presión. Cada minuto a tormenta facíase máis grande, as nubes máis negras e os tronos máis sonoros. Sentía os raios na caluga, intentando electrocutarme coma se fose un boneco de proba para científicos.

Alcei a mirada en busca dun cacho do arco da vella que me levantase o ánimo, pero soamente había mil capas de nubes negras e nin un milímetro de felicidade. Nese momento intentei pensar no ceo azul que iluminaba as tardes de verán. Pero o único que me roldaba pola cabeza era esa triste manta de fume gris. Só quería volver á miña casa, a carón da cheminea. Pero estaba alí, cagada de frío.

A paisaxe estaba baleira. Non había ninguén que puidese deixarnos un paraugas. Nin sequera un taxi. De súpeto, unha luz abrancazada iluminounos, e un vehículo grande fíxose ver dende lonxe. Un autobús!

O condutor viunos e abriu as portas rapidamente. Permanecemos caladas, escoitando música dos oitenta. E chegamos á casa. O que estaba vivindo era incrible. Aínda que era inverno, na casa era verán. Estaba cuberta dunha burbulla que a illou do temporal que me abateu a min. Intentei atravesala para poder entrar e a burbulla tragoume coma un burato negro. Cando me decatei, estaba en algures. Non sabía como chegara alí, nin como regresar. Gustábame ese sitio. Simplemente era a miña casa.

Sofía Bugarín Riobó
CEIP Pena de Francia [Mos]

RKX-5

Era unha vez unha muller investigadora e intelixente, que quixo fabricar unha máquina que fixese todo o que ti quixeses. O motivo era que ela só quería traballar e investigar, e todas as demais cousas para ela eran unha perda de tempo.

Para facer esa máquina requiría tempo, investigación e esforzo. Para iso viaxou ao futuro coa máquina do tempo que xa inventara un amigo seu do laboratorio.

Estivo moitos anos no futuro buscando as pezas para a súa máquina ata que xa lle quedaba pouco por completala. Xa pasaran cinco anos de esforzo, investigación e tempo no futuro. A súa máquina estaba rematada e debía volver ao presente. E así o fixo: volveu ao presente chea de orgullo, desexando ensinarlle a todo o mundo a súa nova creación: RKX-5.

Cando o fixo, a xente quedou abraiada; só tiña vinte e sete anos e xa creara unha máquina que facía todo o que ti puideses imaxinar. Era o invento máis avanzado; podía facer os deberes, as tarefas da casa, arranxar electrodomésticos etc.

Un ano despois gañou o Premio Nobel á mellor inventora do ano e anos despois seguiu investigando, pasou toda a súa vida descubrindo cousas e inventando moitas máis.

Por certo, non me presentei: son RKX-5 e este relato escribino eu.

Maruxa Cabada López
CEIP Emilia Pardo Bazán [Vigo]

A tempestade / RKX-5
Comentarios