Jueves. 15.11.2018 |
El tiempo
Jueves. 15.11.2018
El tiempo

AEO / O son do abandono

AEO

Eu son un neno calquera, teño 9 anos, vivo nunha cidade calquera e vouvos contar a miña historia.

Un bo día ía andando pola rúa, cando de súpeto escoito: "A, E, O, A, E, O, O, E, A, O, E, A". Ahhhh!!! Saín correndo, pero tropecei cunha perna, era un E xigante que me saudou. Que medo!!! Acto seguido, apareceron un A e un O… Que raro, non?

Saín correndo, pero elas empezaron a perseguirme e berraban: "Neno, axúdanos!". Non sei ben por que, decidín pararme a escoitalas. Berraban coma tolas e corrían ao meu redor mentres dicían: "Vimos do Gran Libro, estamos alí encerradas, pero queremos saber para que valemos. Pódesnos axudar?". Eu contestei: "É iso, pois moi fácil. Todos valemos para algo e vós máis, porque sen vós non poderiamos escribir nin falar". As letras preguntáronme: "E ti, como te chamas?". Eu, coma sempre, dixen: "Eu? Eu son un neno calquera". Elas empezaron a rir e dicían: "Ninguén se chama Calquera, así que agora ímosche poñer nome, pero claro, nós as tres… non podemos formar nada… Ves como non valemos para nada???". Apureime a contestar: "Mira que sodes testanas, valedes para moito, pero aquí estades poucas".

Decidiron pedirlles axuda ao resto das letras e botaron a correr cara ao Gran Libro, eu corrín detrás. Ao chegar había un gran balbordo, porque o resto das letras xa se decataran de que escaparan. Pedíronlles explicacións e elas replicaron que soamente querían saber para que valían e eu déralles a resposta: para nomear cousas. A cambio elas ían axudarme, porque xuntas poderían poñerme un nome e necesitaban reforzos. Puxéronse todas diante de min e empezaron a combinarse, decidiron escoller o M e o T. Crearon TEOMA, METAO… Eu retoqueinas e formaron un nome: MATEO. Xa non sería un neno calquera, ese sería o meu nome para sempre.

Mateo Cachaza Fernández
CEIP Emilia Pardo Bazán [Vigo]

O son do abandono

A quela noite de outono eu rematei as miñas tarefas da escola e púxenme a xogar ao ordenador uns minutos e de súpeto, escoitei un son espantoso, horroroso.

Erguinme da cadeira e fun cara á cociña para ver se o son procedía de alí, ao entrar sentín frío, acendín a luz e o que vin foi a miña mascota, Wimy, que tiña moita fame e estaba a golpear un moble para que caese a caixa da comida. Wimy é un can moi espelido! Deille o que estaba a procurar, pero escoitei de novo ese son terrorífico.

Esta vez fun ao meu cuarto con Wimy, que xa comera. Cada vez o son era máis forte. Prendín a luz e estaba… o meu irmán, Xosé, que estaba a xogar co móbil co volume ao tope, pero ás escuras. Marchei de alí.

O son arrepiante seguía escoitándose, así que camiñei devagar cara ao baño con Wimy ao meu carón e foi el quen entrou de primeiro. Eu estaba moi nervioso e, ao prender a luz, o que pasaba é que quedara unha pingueira na ducha e facía un ruído estraño. Estaba xa relaxado, pero de novo o mesmo son, esta vez máis forte que nunca, e dirixinme á entrada. Parecía máis e máis forte aínda alí, pero non vía nada.

Lembreime de que a miña nai saíra e me pedira que lle abrise a porta cando volvese. Así que o son eran os berros da miña nai na porta, desesperada por entrar.

Iker Calvo Varela
CEP Plurilingüe Riomaior [Vilaboa]

AEO / O son do abandono
Comentarios