Lunes. 19.11.2018 |
El tiempo
Lunes. 19.11.2018
El tiempo

Atrapado no teléfono / Perdendo recordos

Atrapado no teléfono

Pedro era un neno intelixente e moi valente, por iso cando viu por primeira vez a nova casa non tivo medo, a diferenza da irmá, que se escondía detrás da súa nai. Era unha casa grande, coa parte de arriba de madeira e chea de ventás. Os primeiros días miraron todos os cuartos da casa, que estaba chea de cousas antigas, entre elas, no corredor, un teléfono de madeira. O teléfono tiña un marcador circular, un auricular a un lado e un aparello para falar por riba do marcador; era un xoguete para Pedro.

A primeira vez que o teléfono soou levaban dúas semanas na casa. Pedro contestou, escoitou dende o outro lado da liña un neno chorar, e preguntou quen era, entón cortouse. Isto ocorreu repetidamente. Ao outro lado da liña soaban berros, risas e choros. Foi onda a súa nai contarllo e ela, estrañada, díxolle que non contrataran liña. Aquilo fixo que quedase máis intrigado, e decidiu investigar.

Foi buscar o home que lles vendera a casa, pero non sabía nada. Logo foi ao Concello atopar máis pistas e alí revisou diarios antigos. Neles falábase dunha serie de desaparicións misteriosas que aconteceran ao longo dos anos. Cada vez que habitaban a casa, unha persoa desaparecía e non se volvía saber dela.

Pedro volveu á casa e intentou aclarar todas as dúbidas. Durante días non fixo outra cousa que pensar mil e unha respostas para aquel misterio. O neno decidiu descolgar o teléfono e dixo: "Quero axudar". De súpeto, as chamadas de axuda de todos os que se perderan e estaban atrapados no teléfono tiñan sentido.

Pasaron dous anos e a casa vendeuse. No outro lado da liña do teléfono, Pedro espera a que alguén queira axudalo a el, mentres sente todo o que os anteriores moradores sentían.

Saúl Mariño Recamán
CEP Sequelo [Marín]

Perdendo recordos

A miña vida é moi borrosa, lembro poucas cousas, da miña cabeza desaparecen sempre os recordos. Vivo encerrada nun pequeno habitáculo, alí paso case todo o día e alí é onde acumulo recordos, non saio demasiado fóra, por iso a miña pel é moi branca e moi delicada. De cando en vez saio a xogar, e volvo sempre coa roupa manchada e coa metade dos meus recordos, sempre perdo algún alá fóra... É moi raro.

Na miña pequena casa non me aburro, teño moitos compañeiros e aínda que non nos parecemos, gústanos facer cousas diferentes, desfruto moito con eles.

Un día pasoume algo horrible! Despois dun pequeno paseo, non conseguín volver á casa, non volvín ver os meus amigos e acabei vivindo noutro sitio. Alí atopei novos amigos e amigas, unha delas parecíaseme moito! Ela sae moi pouco a xogar, por iso case nunca se mancha, sempre impoluta! Nunha das miñas últimas saídas volvín cunha tatuaxe na miña pel con forma de corazón. Non sei moi ben como foi, pero aínda que ao principio non me gustou demasiado ese sinal no meu corpo, agora non me parece tan mala.

Isto faime lembrar algo que coido que non vos contei. Teño unha tatuaxe de nacemento, unha marca coa que nacín sobre a miña delicada e branca pel, pero non é un corazón, son uns debuxos formados por liñas en cor azul... MILÁN.

Jesús Álvarez Expósito
CEIP Pintor Antonio Fernández [Tomiño]

Atrapado no teléfono / Perdendo recordos
Comentarios