Sábado. 22.09.2018 |
El tiempo
Sábado. 22.09.2018
El tiempo

O banco da alameda / O alpinista

O banco da alameda

Os bancos roídos que enchen as alamedas distinguen as persoas. Para quen vai de visita, un é igualiño ao outro. E ese, a todos os demais. Iso non ocorre con quen chega de novo ao parque coa intención de quedar nel. Hai tantas diferenzas entre un banco e outro que a Sebastián lle custaba crer que alguén non parase a elixir.

Dende o seu banco víanse as fiestras do hospital. En realidade, enteiras tan só se vían dúas: a maternidade e a da sala de xerontoloxía. Chegaba dabondo.

E alí, no banco, no seu, o home vía o camiñar das vidas dunha fiestra cara a outra. Vía como os berros dos meniños calmaban os tusidos xa afogados dos vellos xa en prórroga.

Cando un chega ao parque para quedar, co tempo, adopta pasatempos que o enganen, que lle alonguen ou encollan o tempo a vontade, aínda que sexa mentira. Aínda que Sebastián soubese a mentira.

E, por suposto, eses pasatempos non sempre son adiviñar conversacións ou de que cor van ser os calcetíns do seguinte paisano que cruce o banco. Máis tétrico, máis divertido, máis ruín lle resultaba imaxinar de que xeito aquel meniño que berraba por primeira vez na vida ía converterse naquel outro vello de ollada xa perdida nalgún lugar entre os dous lados da vida.

O pero do pasatempo era que Sebastián sempre remataba preguntándose onde estaba el. Máis preto dos afagos, dos abrigos, dos patuquiños de cor; ou se das olladas perdidas que, postas a perder, perderan as bágoas; das ausencias… ou xa dos zapatos negros, ben limpiños, ben cubertos de betume, sempre preparados para a derradeira estrea.

Iso asustábao. Cando paraba a pensalo, o certo é que moito non lle gustaba aquel xogo, pero tiña tanto tempo que deixar correr…

Jaime Barreiro Santos 
CEIP A Rúa (Cangas)

O alpinista

S ubir as montañas máis altas non é doado.

Só algúns valentes se atreven a facelo.

Cando sobes ás montañas máis altas, pasas por momentos de euforia nos que o cumio parece máis preto que nunca, e outros moi duros, nos que a cachola se volve o teu peor inimigo e fai que te sintas diminuto e sen forzas. Pensas que xamais o farás… Ás veces, choras e pregúntaste "Por que?? Por que estou aquí?".

Ata que chega novamente o momento de euforia e comezas a ascender de novo con toda a enerxía do mundo.

Hai momentos nos que as condicións de fóra te obrigan a parar. Debes facelo. Na montaña non te podes permitir o luxo de facer parvadas ou perder de vista o teu obxectivo.

Hai momentos nos que os dedos se conxelan. Outros en que as pernas non responden. Outros, aínda máis difíciles, nos que perdes un compañeiro no medio do camiño mentres tes que continuar… Sacas a forza de dentro, de ti mesmo e do teu grupo de expedición e segues.

Pensas no aire fresco que enche os teus pulmóns, pensas que, nos momentos máis duros, sempre hai algo positivo onde levar a mente.

Alcanzar os cumios máis altos custa moito, e que me dis das vistas dende aló arriba?

O meu nome é Víctor. Teño 7 anos. Na actualidade resido na planta de oncoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro. De maior quero ser alpinista e estou a escalar a montaña máis alta do mundo.

Ileana Bini
CEIP Carballal (Marín)

O banco da alameda / O alpinista
Comentarios