Domingo. 23.09.2018 |
El tiempo
Domingo. 23.09.2018
El tiempo

Brandán, o aventureiro / Mágoa invisíbel

Brandán, o aventureiro

Brandán vivía nunha chaira preto da costa. Sempre soñara con ver o mar e viaxar por el, como tantas veces lle contara o seu avó que fixera.

Un día, decidiu viaxar polo mar e, para aquilo, mercou unha balsa de plástico; colocouna no lombo e botouse a andar. Entrou no bosque que separaba a chaira onde vivía da costa e, ao pouco, diante del, apareceu o mar. Montou na súa balsa e empezou a explorar o contorno, observando cada cousa con coidado. Decatouse de que o mar era marrón e con burbullas e, o que lle pareceu aínda máis raro, non había nada: nin seres vivos, nin barcos, nin outros navegantes coma el.

Mergullouse entón, e nadou e nadou, ata que pummm...!, petou contra unha especie de parede brillante e transparente. De súpeto, todo se moveu e o mar ergueuse en grandes ondas que arrastraban cara arriba a Brandán e a súa balsa, no medio de burbullas que estoupaban.

Tan axiña como subiu Brandán, empezou a caer. Diante del apareceu unha gran fervenza que caía cara a unha escuridade profunda. A Brandán veulle ao pensamento o que lle dixera o seu bisavó, aquilo de que "a terra era plana e os mares caían polos bordos cara ao nada". Mentres caía pola fervenza tropezou cunha especie de rochas brancas que estaban situadas unhas seguidas doutras. Agarrouse na última rocha. Brandán sentiu un estoupido que viña de abaixo, da parte interior da fervenza, e nun arroto o noso amigo liliputiano saíu despedido contra unha parede de cor vermella e branca, que poñía: "Coca Cola, a chispa da vida".

E unha voz forte, coma un trono, dende o alto, dicía: –Que bo está este refresco! Este grolo sentoume moi ben!

Martina Pazos Iglesias

CEP Sequelo [Marín]

Mágoa invisíbel

Noiteboa, apenas puidemos cear de só pensar en que non vai estar o meu pai. Noxo de festas e de crise! Levo case un mes sen miralo porque anda a traballar arreo na fábrica, seica andan escasos de persoal. Así leva unha boa tempada. Sempre lle toca a condenada quenda de noite. El di que non pode facer nada, que así están as cousas e que moito teme que así seguirán durante algún tempo. Xa non ten moitas esperanzas en que algún día isto cambie, nótollo na cara.

–Teño que marchar –di–. Non quero chegar tarde.

No baño do seu cuarto lava os dentes e peitéase. Parece que antes tiña máis pelo. Non se decata de que o observo pola físgoa da porta. Na cama ten a roupa de traballo, ese mono que non sei quen escolleu, con esa cor tan rechamante. Vaise vestindo e suspirando á vez, coma resignado. Baixo correndo, xa que me empezan a asomar ás bágoas e non quero que me vexa así, xa ten bastante cos seus problemas. Escoito os pasos pesados das botas polas escaleiras. Os nervios aparecen no meu estómago, non quero que marche. Por que sempre ten que ser el? Non é xusto!

Achégase a min e dáme un bico e unha aperta forte.

Non chores, mañá xogarei contigo todo o día.

O que eu quero é que quede hoxe, e que ceemos e riamos todos xuntos, como ten que ser.

Abre a porta xa de cara ao coche mentres observo pola abafada fi estra manchada de folerpas. Fágolle un xesto para que se abrigue, sobre todo o pescozo e a cabeza. El asente sorrindo e monta.

Suspirou por última vez, tomou alento e berrou forte. Os vellos renos saíron disparados e desapareceu.

Álvaro Pereira Omil

CEP Sequelo [Marín]

Brandán, o aventureiro / Mágoa invisíbel
Comentarios