Viernes. 16.11.2018 |
El tiempo
Viernes. 16.11.2018
El tiempo

Os buratos dos Fornelos / O espellismo

Os buratos dos Fornelos

Aquela mañá erguinme cedo para ir pasear o can. Mercara unha casiña no Cunchido de Arriba, no Morrazo. Estaba afacéndome ao contorno.

Aproveitei para saír a dar unha volta. Preto da casa hai un monte, o Cantón. Faláronme moi ben del, e fun exploralo. Unha muller comentoume que alí existen os chamados Buratos dos Fornelos, onde un home esvarara e caera por mor dunha corda. Aqueles buratos daban á praia do Porto, despois a Santa Marta e por último a Liméns. Eran moi perigosos. Malia todo, achegueime. Cando me aproximaba, sentinme aterrecido. O can estaba moi preto, vixiando semellantes buratos, temía que caese. Así, con afouteza, corrín a salvalo. Xaora, eu caín.

O can non. Comezou a oulear, atopándome, cheo de feridas.

Trasladáronme a Povisa e permanecín tres días. Supuxen que cando caera no burato a miña testa non batera contra ningunha roca. Quedei uns días de baixa para recuperarme; non só das feridas, senón tamén do susto.

Quixen volver. Algo non encaixaba, preguntábame por que flotei e non afundín. Tiña estraños pensamentos: cada noite soñaba que Xosé, o que caera, fora o que me rescatara.

Ao chegar quedei pampo. Puiden enxergalo, alí estaba Xosé. O home veu cara a min. Tivemos unha longa conversa.

Volvín á casa. Ao día seguinte tiña que ir traballar e esa noitiña non puiden conciliar o sono. Estivera a falar cun defunto!

Pola mañá espertei, almorcei e saín da casa ao traballo. Saudei os meus compañeiros, ignoráronme. Iso fíxome sentir mal, no entanto, non lle dei importancia.

Entrei no despacho, as miñas cousas non estaban. Alguén entrou, era outro home que ocupaba o meu lugar.

Que pasara? Como era posíbel? Enchinme de ira e comecei a pedir explicacións berrando. Ninguén amosaba resposta ningunha ante a miña actitude, era coma se non existise.

Aroa Pombo González

IES Alexandre Bóveda [Vigo]

O espellismo

Hoxe volveuna ver. Eu non sei se crer o que di ou pensar que só quere chamar a atención. Non sería estraño, pois aínda ten dez anos e a estas idades os rapaces son moi argalleiros, chegando ao extremo de falar de amigos que nin sequera se poden ver. Pero quen non tivo dez anos? A semana pasada soamente a viu dúas veces. Esta, xa van tres. Un máis ca a anterior. Cando chega á casa sempre di: "Volvina ver! É a árbore máxica!". Mais eu opino que máis que máxica é arrepiante. E non o digo sen motivos. Todo comezou hai un ano, cando a filla do panadeiro caeu dunha das súas pólas e rompeu o brazo. Poucas semanas despois, a árbore foi eliminada. Sempre llo digo á miña irmá, pero ela segue coa súa teima, coma se non me escoitase. "Seguramente te trabucas de árbore. A miña está máis viva ca o gato", di ela. Pode que teña razón, que me estea trabucando. Quen sabe. E se é verdade?

Pero non son parva e coñezo cada rúa da vila. Imposible ter unha equivocación. Paso cada día a carón dela e non hai nada. Nada de nada. Aínda que iso é polo día. A pequecha volve á noitiña. Pero que estou dicindo! Agora voume fi ar da rapaza que hai pouco non sabía falar? Vaia parvada. Facerlle caso eu a esa fervellasverzas. Algún día comprenderá que era froito da súa imaxinación, que a todos nola ten xogado en máis dunha ocasión. Xa entenderá que non hai árbore ningunha, que era un espellismo. Algún día comprenderá que no noso mundo moitas persoas, lugares e incluso vivencias rematan por transformarse en fráxiles espellismos.

Sara Soliño Iglesias

IES Illa de Ons [Bueu]

Os buratos dos Fornelos / O espellismo
Comentarios