Sábado. 22.09.2018 |
El tiempo
Sábado. 22.09.2018
El tiempo

As campás da morte / A vellez

AS CAMPÁS DA MORTE

Ninguén sabe se está vivo ou morto, porque nunca chegamos a atopar o corpo. O que si se sabe, estea onde estea, é que non ten motivos para descansar en paz. A verdade é que a historia do Padre Toribio é moi triste. Contan os vellos que chegou á vila cando o acababan de ordenar sacerdote e que o fi xo cargado de ideas. Pero a xente desta vila é moi bruta e tíñalle medo ás novidades. A consecuencia foi que as relacións entre don Toribio e o resto da vila foron de mal en peor, tanto que apenas falaba con ninguén, excepto as tres vellas que ían á misa e con Susa, unha viúva de mediana idade, que facía de criada na casa reitoral. As malas linguas dicíanque eran amantes e, cando unha vella matrona que ía á misa de cando en vez asegurou que Susa estaba preñada, todo o mundo o deu por certo.

O que ocorreu aquela noite de tormenta continúa sendo un misterio. Algúns din que D. Toribio toleou e lle prendeu lume á igrexa, tras saber do embarazo da Susa; outros din que un raio entrou a través da vidreira e o fulminou no acto, como castigo polos seus pecados. O caso é que a igrexa ardeu coma un misto e cando conseguiron apagar o lume, non quedaba nin rastro do retablo gótico, das tallas de San Lucas e Santa Ana nin, por suposto, do corpo do cura. Uns poucos aseguran que oíron un anaco antes o ruído dun auto, que saía da vila. O que si é certo aínda hoxe é que, nas noites de treboada, as campás da torre repican a morto.

Elena Canosa Collazo

IES Pedras Rubias [Salceda de Caselas]

A VELLEZ

Estou canso, canso de todo o que pasa ao meu redor. Non atopo o meu lugar entre tanta xuventude. Aínda podería seguir traballando, pero fáltame a súa preparación, os novos son cada vez máis resolutivos e sofisticados!

Mírome no espello e sinto envexa dos que, tendo a miña idade, seguen aí, ao pé do canón coma principiantes. A min afúndenseme as forzas e fraquéame a vontade. Necesito descansar a miúdo, o corpo vaime mendigando desconexión. De realizar tarefas ininterrompidas, a miña temperatura corporal altérase, puf... Xa non sei como sobrepoñerme! Estou farto! Vexo que co paso dos días me estiman menos. Dou moito traballo, teñen que levarme con regularidade a revisións. A miña vista é moi feble, só percibo formas cando hai moita luz, e aínda así, cunha calidade pésima. E a memoria empeza a afrouxar, sufro confusións continuas, e inexplicables, xa non son quen de identifi car os coñecidos de vello. Sufro raspadiñas que me afean, pequenos achaques que me impiden boa mobilidade.

Pero todo isto son insignifi cancias que di o meu dono, quen decidiu non aturarme máis! E é que un móbil con tantos anos coma min xa non pode facer nada contra os novos modelos do mercado. Mais custa aceptar a condena de distanciarme dunha persoa coa que compartín tanto. Nada hai nela que sexa un segredo para min.

Helena Castro Calvo

IES Armando Cotarelo Valledor [Vilagarcía de Arousa]

As campás da morte / A vellez
Comentarios