Opinión

Dreams / Home de cristal

Dreams

Era noite de saír. Gañei unha cachimba nunha das discotecas da vila e decidín compartila coas miñas mellores amigas. Eran xa ben pasadas as doce e media da noite cando xa lle pillamos o gusto a iso de fumar na cachimba.

–Vin en Internet un vídeo dunhas mozas que se pasaban o fume unha á outra pola boca

—dixo Vane—.

Queda moi ben.

–Que guai! Probámolo? –preguntoume Ángeles.

–Veña, e quitamos unha foto –contestei.

Ángeles colleu fume polo tubo que saía da cachimba. Cando tiña as meixelas cheas, acercóuseme e abrín a boca para que me puidese pasar o fume.

O fume saíu, pero non cambiou de boca, e o que ía ser unha foto bonita que poñer no Instagram acabou sendo un bico. Deu a unha da mañá. A cachimba xa se acabara e todos iamos para a casa. Dende a miña cama, escribinlle a unha das miñas amigas que non fora á discoteca.

–Tía, biquei a Ángeles —escribín.

 –E? —contestoume—. Vas bicando as túas amigas e, como es gay, non nos importa, xa o sabes.

-É distinto, esta vez gustoume, non o entendo –expliqueille– Non me podo estar a namorar de Ángeles, verdade?

–Cousas máis raras tes feito.

–Vou falar con ela…

Mentres buscaba o chat, pensei nas cousas que podían cambiar e en se de verdade pagaba a pena contarlle o qusentía e arriscarme a que todo cambiase. Bloqueei o móbil e pechei os ollos. Dediquei un minuto a pensar en todo o que vivira con ela. Despois, mirando o móbil aínda coa pantalla apagada, dixen:

–Quéroa.

Non pasaron máis de dous segundos cando vin acenderse o teléfono. Apareceu na pantalla unha mensaxe dicindo:

"Quérote".

Daniel Veiga Fernández

IES Johan Carballeira [Bueu]

Home de cristal

Había unha vez un home de cristal, oco por dentro, brillante por fóra.

Un cristal translúcido que oculta un baleiro no seu interior, un cristal aparentemente fráxil e delicado, mais ao achegarte a el poderás ver o frío e bicudo que é en realidade.

Este home tiña traballo e unha familia, unha familia de porcelana. Esa familia tiña un interior macizo e unha face chea de po, mais ao seren incapaces de mirar dentro deles mesmos, ao home de cristal resultáballe sinxelo facerlles crer que eran fráxiles e indefensos.

Un claro día no que os raios dourados de luz matutina escorregaban entre as follas das verdes árbores, o noso home de cristal volvía á casa dunha "reunión de traballo nocturna". Un pé detrás do outro, saudaba ao resto das familias de porcelana morriñenta que atopaba e ignoraba ao resto de homes de cristal, ao igual que eles lle facían a el.

Quizás debería contarvos antes que só os homes de cristal se recoñecen entre si, pasando desapercibidos ante os ollos das familias felices e indefensas. O noso home chegou á súa fermosa casa de porcelana, onde a súa feliz e indefensa familia de porcelana o agardaba co almorzo intacto sobre a mesa.

−Esta bazofia de comida está fría, muller −o home de cristal falou con calma e cunha fría voz.

−É que levamos agardando que chegases dende as oito, meu home −respondeu a muller de porcelana, cunha voz rota e leve.

−Conque agora non podo nin falar, verdade? −respondeu cun sorriso o noso home de cristal.

−Eu non dixen iso…

É moi curioso como unha vida enteira pode cambiar nun intre, como pode cambiar o mundo cunha soa familia de porcelana feliz e indefensa rota no chan dunha fermosa casa nunha mañá clara e luminosa.

Marina Collazo Couñago

IES Pedro Floriani [Redondela]

Comentarios