Viernes. 16.11.2018 |
El tiempo
Viernes. 16.11.2018
El tiempo

Esmagada / Baixo presión

Esmagada

ABRÍN OS ollos. Estaba todo escuro. Doíame moito o costado, coma se me pisasen 20 000 persoas descalzas, facendo forza cara abaixo. Sentía un material rugoso e frío no lateral dereito. De súpeto, unha sensación quente comezou a subirme polos pés. Non sei como, comecei a recuperar a vista. Agora podía ver a xente naquel sitio. Todos eran violetas, moi pálidos, calados, case mortos. Intentei moverme, pero non serviu de nada. Logo dun tempo, a xente que había enriba da miña cabeza comezou, moi lentamente, a desaparecer. Non saían fl otando, só se desintegraban moi pouco a pouco. Cando xa non quedaba ninguén esmagándome, un remuíño de vento ardendo a moita velocidade deunos a todos na cara, incluso aos que eu tiña debaixo. Afogaba de calor. Case non podía respirar. Comecei a preocuparme pola miña propia vida. Entón, sen darme conta, quedei durmida, aínda que notaba como fl otaba. Era a mesma sensación de voar nunha nube. Un golpe na cabeza espertoume. Agora xa non había ninguén comigo: atopábame nun tubo estreito e cada vez o material do que estaba feito se volvía frío canto máis continuaba movéndome. Mirei para diante e para atrás e só vin escuridade. O camiño naquel conduto fíxose eterno. Daba voltas e voltas sen chegar a ningún sitio. Ata que, sen esperalo, caín. O tubo rematara. Atopábame nun recipiente transparente, onde un señor me observaba. Levou o vaso á boca, puxo unha cara de satisfacción e dixo:

–Que boa saíu a caña deste ano!

Rita García Figueira
CPI de Progreso [Catoira]

Baixo Presión

O precipitado descenso levárame a un pozo escuro, sen saída aparente, xunto con outros compañeiros presos.

Non sabía como, onde nin por que estaba nesa estreita cela. A presión que sentía ao meu arredor atafegábame tanto que cheguei a pensar que fuxir dese lugar sería unha tarefa imposible.

A escasa luz que albiscaba ao fondo dunha especie de túnel parecía a única esperanza de salvación que me quedaba, algo totalmente inalcanzable. Intentei recordar a miña familia, os meus amigos…, mais non puiden, xa que nunca houbera tal cousa. Unha sensación de tristura salgada quixo percorrer os meus ollos, as miñas meixelas, o meu nariz, os meus beizos… Case choro, de non ser porque nunca tivera ollos, nariz, beizos e sentimentos.

Quixen reflexionar sobre a miña vida; porén, a primeira lembranza que tiña era aquela caída que experimentei ao pozo onde me atopaba agora.

Todo quedara ben claro, tan nítido como a primeira pinga de auga nunha treboada que non chega a tocar o chan. Eu só tiña un propósito, un soño, unha esperanza, un obxectivo: a liberdade.

Tentei saír de entre a multitude que me incomodaba invadindo o meu espazo, pero a enorme presión que asolagaba o lugar impediumo. Non nos querían deixar saír.

Un novo intento, no que os meus compañeiros me axudaron, fixo que as misteriosas forzas fosen perdendo folgos. Entón decateime da multitude de seguidores meus que se formaran ás miñas costas. Aproveitei para seguir insistindo, ata que a presión se esfumou e fomos directamente disparados cara ao final do túnel no medio dun tremendo estrondo fedorento.

A claridade inundaba unha estancia máis grande. Expandímonos silandeiramente, ao par de varias expresións de noxo. Non lles agradabamos?

Foi entón cando descubrín unha pequena cara avermellada de vergoña, ollándome amolada: esa era a miña nai.

Sofía Gutierrez Pereira
IES Illa de Tambo [Marín]

Esmagada / Baixo presión
Comentarios