Lunes. 24.09.2018 |
El tiempo
Lunes. 24.09.2018
El tiempo

A excursión do bicho bóla / Ata o luscofusco

A excursión do bicho bóla

Esta é a historia do bicho bóla, coñecido no seu montículo de area.

Todo ocorreu cando decidiu saír de viaxe. O día seguinte de imaxinala como a viaxe do ano, partiu inmediatamente sen rumbo fi xo. Emprendeu o seu camiño a pé, aínda que ao baixar do outeiro onde vive baixou rodando, como bicho bóla que é. Camiñou e rodou ata chegar a un lugar onde o terreo era areoso. Internouse en busca da aventura.

Nun momento dado decatouse de que non estaba só, senón que tiña compaña. Mirou ao seu redor, e en canto xirou a cabeza deu de fronte cunha estrutura inmensa e xiratoria. E alí estaban eles, os seus acompañantes. Uns seres enormes vestidos con teas, e o peor de todo: tiñan pelo na cabeza!

Botou a correr en sentido contrario, pero estaba rodeado. Estaba diante dun obxecto xigante por onde esvaraban eses seres. E de súpeto, un deles tirouse cara a el. Se non fose porque pode rodar, non sei eu se podería seguir contando a súa historia.

En canto se ergueu, descubriu con horror que tiña enriba dous seres balanceándose de diante cara atrás subidos nuns asentos moi raros.

E de súpeto, ocorreu o inesperado. Un deles, o máis grande e máis vello, colleu impulso e saltou; saltou en dirección ao bicho bóla. El veu pasar a súa vida por diante dos seus ollos. Inconscientemente botou a rodar e correu ata o lugar onde xa non había area.

Saíu de alí e dixo para si que xamais volvería ao parque.

Laura Ortega Barreiro

IES Fermín Bouza Brey [Vilagarcía de Arousa]

Ata o luscofusco

Liscaba. Perseguíannos. Tiñamos que chegar ao portal o máis rápido posible. Quedaba pouco tempo para que chegase o luscofusco e anoitecese. Mireina e souben que nos atopabamos en problemas. Só quedaba media hora para que rematase o tempo.

Seguimos correndo e atopamos un camiño sen saída. Empezamos a escoitar o son dun axóuxere. Observámonos e xuntamos as mans, xa sabiamos o que tiñamos que facer. De socato, aparecemos no outro lado da parede, non perdemos o tempo e liscamos de alí. Quince minutos. Xa case nos atopabamos no portal, podíamos ver a saída. Vin o chan e decateime de que era unha trampa, así que parei a miña compañeira antes de que o pisase. Dez minutos. Podiamos observar a saída e non podiamos movernos alí, alén diso, soara de novo ese son aterrador. Non fi camos máis tempo quedas. Comezamos a correr como nunca o fi xeramos. Decontado activouse a trampa. As baldosas do chan comezaron a descender, facendo que caésemos.

Negro. Era o único que vía, non sabía onde me atopaba nin como chegara ata alí. Nin sequera se me encontraba con Astrid. Crin que me atrapara de novo, todo o que fixaramos non servira para nada!

Esperei, xa que nese intre era o único que podía facer. E, se vos conto arestora o que pasou, non creredes que foi verdade. Comecei a caer cara arriba! Alén diso, atopeime de novo con Astrid. Volvinme cara a ela e abrazámonos. Daquela, comprendemos que volveramos atrás no tempo. Esta vez tivemos máis coidado co chan e trepamos pola parede para chegar ao outro lado. As súas cabezas seguíronnos coa mirada, el non podía facer o que faciamos nós. Estendemos as nosas ás e voamos cara á saída e saímos. Agora, preguntarédesvos por que non o fixemos antes, mais ata ese intre non as tiveramos!

Beatriz Otero Dotras

IES Politécnico de Vigo [Vigo]

A excursión do bicho bóla / Ata o luscofusco
Comentarios