Opinión

Unha función equivocada / A odisea de esper

Unha función equivocada

A quel cisne de mirada perdida non era capaz de alzar o voo, quizais por caer na súa propia trampa que o sentenciou naquel triste destino, ancorado nun pequeno mundo que non paraba de xirar e xirar, tal como o planeta Terra.

Día tras día e cheo de melancolía, vía como, á súa beira, un corcel de nome Pegaso e con ás de anxo lle roubaba as miradas furtivas, os sorrisos, as caricias de mil mans que semellaban soños vivos, fantasías con pés no chan que corrían para ser homes, e todos o elixían a el naquel Olimpo da mesma mitoloxía grega... O cisne non podía evitar que a súa tristura fose en aumento e musitaba case en silencio:

–Se eu son Zeus, o rei destes ceos, como é posible que eu non lles guste? Aquel silencio ferido foi roto por outro mito vencido, o Minotauro, quen lle dixo tamén aflixido:

–Non esteas triste, amigo cisne, pensa que é un simple cabalo; aínda que a fama o preceda dende a antiga Grecia ata os albores do tempo, cada cabalgadura que dá polos ceos abertos ou por cumes doutros universos é sempre de utopía. Incluso como mito doutras historias, sempre deixa a súa pegada: este fermoso corcel de crina branca e espello de liberdade é o cabalo de Troia que agora nos salva e quizás sexa o mellor compañeiro para esta travesía.

–Non esteas triste, amigo cisne, a súa sorte está botada –musitoulle tamén o león de Nemea.

–Lembra, amigo cisne, que ao chegar a noite se cobre baixo un mesmo manto que lle pon fin á festa; o seu orgullo e vaidade só lle duran unhas horas, as que lle dan vida a este carrusel de feira.

José Manuel Fernández González

CIFP Valentín Paz Andrade [Vigo]
 


A odisea de esper

Por fin chegou o meu momento, o momento de facer algo importante na vida. Xa non son ese neno que non saía nunca da casa, que nunca tiña responsabilidades. Agora son un ser maduro e teño de enfrontarme ao destino. Grazas a min pode nacer algo grande que cambie o futuro da humanidade. Levo agardando case tres meses aquí. Mais non estou só nesta misión, somos moitos os escollidos. Se triunfamos, temos de compartir o triunfo entre todos e isto non lle gusta a case ningún de nós. Todos están moi animados coa situación, mais eu teño medo porque non sei o que vou atopar dentro dese túnel que temos de atravesar para chegar ao noso destino nin o que me espera fóra. Aproxímome, confiado, ao meu destino. Mais pasa algo raro. Non vexo ninguén. Non pode ser. Son o primeiro?

Miro cara á dereita e alí está ese amigo que partiu tres meses antes ca min. Morto. Maldigo a pouca sorte que tivo este desgraciado que só quería o ben da humanidade. Que nunca foi recompensado. Ao lonxe escoito as voces dalgúns dos meus compañeiros ou, máis ben, adversarios. Aproxímanse e miran cara a min pasmados. Non imaxinaban que eu chegaría antes ca eles. Pensaba que os podía sorprender, mais agora decátome de que son moitos e non os podo vencer a todos. A solución é fuxir. Fágoo, fuxo dos seus ataques e diríxome cara ao único lugar no que podo salvarme. O lugar onde todos queremos chegar, mais onde case ningún entra. Eu logro despistalos e sálvome. É unha pena que case ninguén conte a nosa viaxe, porque é toda unha odisea. Mais a xente non se fi xa moito en nós. Nunca somos ben recompensados malia dependeren todos de nós.

David Gonçalves Cruz

Facultade de Filoloxía e Tradución [Vigo]

Comentarios