Viernes. 21.09.2018 |
El tiempo
Viernes. 21.09.2018
El tiempo

A historia do Coxín / Lorenzo e Catalina

A historia do Coxín

OLA, eu son Coxín, ou como di a avoa de Marta: o coxín. Ela non me tiña moito respecto ao principio, dicía que era unha cousa calquera, pero eu sabía que non era como un armario, coma un ser inerte. Para a miña dona, Marta, e tamén para os seus pais, eu son moito máis ca un moble calquera. Ah, iso era antes; agora, esta velliña di que lle fago falta. Ata di que lle gusta estar no sofá comigo!!

Descríbenme como bonito, suave e branco, moi branco, branquísimo. Pensan que non os escoito, aínda que do que din non hai nada malo, o único do que falan sobre min é de que están moi felices comigo. Escoiteilles que antes de min tiveran outros moitos parecidos a min, pero a ningún lle tiveran tanto cariño. Tan pouquiño os querían que nin tiñan un nome. A ver, ao mellor tamén tiña un pouco de culpa a avoa, que non lle daba importancia a nada, a nada de nada.

Tamén comentaban que tiveran moita sorte ao atoparme. Recordo ese día coma se fose onte: Era un día chuvioso, naqueles tempos nos que a miña vida era triste. Pasaban moitos coches cheos de xente polo vertedoiro, pero todos facían como a avoa antes: pasaban de min, e dos meus compañeiros, que tamén estaban de tristeza ata o tellado. Tellado?, non, non tiñamos tellado, así rematabamos pingando. Que mala era a xente, mira que deixarnos alí tirados... Que somos máis que obxectos!!! Pero non todas as persoas eran así: entre tanta escuridade, aínda quedaba un chisquiño de luz, un puntiño, que estes eran os meus donos, uns, entre poucas persoas que aínda teñen un anaquiño para acoller un can coma min, e coma moitos outros.

MARTA CARLÉS FONTÁN

CEIP Santo André de Xeve [Pontevedra]

Lorenzo e Catalina

LORENZO E Catalina, amados prohibidos que case nunca se encontran. Catalina, pálida e brillante, bela e amable. Lorenzo, de cabelo rubio e alfúfaro, pel morena e agradable. Ela, a dama escura, a dona da noite. El, a alegría do día, o gran resplandor. Sempre están separados, separados por millas, afastados por quilómetros. Como dous imáns do mesmo polo, pero non é que se repelesen, simplemente non estaban na mesma órbita. Ás veces, parece que se odian, pero a súa separación non é desexada por ningún dos dous. Como dixen, son amantes. Catalina lapeaba e falaba coas estrelas todas as noites, intentando sosegarse. Lorenzo, tan alegre e activo, agochábase desacougadomentres pasaban os días tristes e insípidos. As estrelas non soportaban a tristeza da súa amiga e falaron coas nubes e cos cometas para que ela se vise co seu amado. E tras moito tempo, descubriron que habería un día no que os dous poderían mirarse e estar máis preto un do outro. Cando llelo comunicaron, deron chimpos da alegría, e contaron os minutos que faltaban para o esperado momento. E chegou, por fin, o día no que Lorenzo e Catalina se encontraron, o día no que a distancia se facía menor, o intre foi asombroso. Todos os habitantes da Terra e arredores se asombraron pola espectacular eclipse, Catalina tapaba a Lorenzo de modo que parecía que se abrazaban, nun grande instante.

AROA CASÁS PAZ

CEIP Plurilingüe San Roque de Darbo [Cangas]

A historia do Coxín / Lorenzo e Catalina
Comentarios