Martes. 25.09.2018 |
El tiempo
Martes. 25.09.2018
El tiempo

Invisible / Ás voltas

Invisible

Estou no meu cuarto, como sempre, contemplando como as pequenas gotas de auga esvaran pola ventá e caen ao chan, mentres agardo a que chegue unha suave brisa que me faga sentir algo. Desagrádame que chova, odio que as gotas sufran na súa viaxe sabendo que ao chegar ao chan formarán pequenas pozas que a xente pisará e ao pouco tempo desaparecerán. Eu tampouco son quen de xulgar os demais, xa que non os coñezo demasiado. Non me gusta como me trata a xente, é verdade que son diferente, pero iso non é unha razón para ignorarme, humillarme e facerme sentir inferior a eles. Por iso, gustaríame preguntarvos, si, a vós, aos que me facedes sentir así: por que? Acaso faivos máis felices? Non me ides contestar, verdade? Esperábao, non me sabedes contestar porque non hai unha boa razón. Eu non son o único que xulgan, hai moita xente que insultan sen saber por que o fan. Gústame estar só no meu cuarto, pensando que lles puiden facer, para non repetilo, pero non se me ocorre nada. Que debo facer? Agardar a que esa xente cambie?

Isto estaba escrito no diario do meu irmán, é o único que conservo de el. Onde queira que estea, espero que se atope moito mellor.

Lía Ilán Rodríguez
CEIP Froebel [Pontevedra]

Ás voltas

Paso todos os días ás voltas, dun lado para acá e outro para alá, percorrendo toda España sen apenas descansar. Durmo todos os días nun tipo de almacén e facendo só unha comida ao día, o almorzo. Percorro quilómetros e quilómetros ao día, cunha parada decente para durmir.

Pois daquela, estaba en Galiza, pero resulta que agora estou en Andalucía (Málaga). Isto é un sen parar! Primeiro percorrín toda Galiza, despois fun a Asturias, e que chulo era iso! Continuei por Cantabria e por primeira vez vin a neve. Logo, dirixinme ao País Vasco, Navarra e A Rioxa, e alí aprendín un novo idioma, o éuscaro. Proseguindo a miña viaxe, cheguei a Aragón e máis tarde a Cataluña, e descubrín que o catalán non era tan difícil como eu pensaba. En Castela-A Mancha, a xente desfrutaba comendo sen parar, da cal levo outro recordo máis que contar.

Pero isto non acaba, seguín a miña viaxe ata Valencia e Murcia, onde o seu mar cristalino ten un encanto especial. Xa só queda un día para chegar ao meu destino, Andalucía. A calor nesta cidade é infernal, e non vos facedes a idea do que daría por tomar un baño neste ansiado mar. Pola contra, o meu motor non bombearía e a miña ledicia e vivencias apagaríanse. Pois… non son máis que un autobús, que leva persoas cheas de ilusións viaxando por toda España. Pero teño que dicir que son moi afortunado cando vexo que fago feliz a xente cumprindo os seus soños, as súas caras de felicidade, amor e ledicia, e aprendendo cada día o que é a vida!

Antía Jalda Molanes
CEIP Seara [Moaña]

Invisible / Ás voltas
Comentarios