Lunes. 24.09.2018 |
El tiempo
Lunes. 24.09.2018
El tiempo

O meu boli está enfermo / O arco da vella

O meu boli está enfermo 

Todo empezou un día que un neno chamado Pedro fora comprar un boli. Necesitaba un, pois todos os demais se esgotaran. Pediulle un pouco de diñeiro a súa nai para compralo e a nai deullo. Unha vez comprado, levouno para a casa e o boli empezoulle a dicir cousas que el entendía. O seu boli e mais el, desde ese momento, foron coma irmáns: Pedro contáballe os seus segredos e o boli gardáballos. Levábao a todos lados, incluso a xogar cos seus amigos.

Un día o boli empezou a falar un pouco peor; cada vez que dicía cinco palabras atrancábase, cousa que preocupou moito a Pedro, que intentou facer todo tipo de cousas para curalo, pero nada, e incluso a cousa co tempo foi a peor; así que pensou en levalo ao médico.

Díxolle ao médico, que se chamaba Rafa, que o seu boli estaba moi afónico e que cada vez a cousa ía a peor. Para Rafa era o primeiro caso de boli falante afónico ao que se enfrontaba, así que probou a facer o que sabía: auscultouno e pediulle que dixese 33. O boli, como estaba tan afónico, só foi quen de dicir: "3". O médico rañou a cabeza un intre e dixo: "Vouche receitar un medicamento". Nun papel escribiu algo e deullo a Pedro.

Pedro e o boli marcharon para a casa. Ao chegar á casa, o neno abriu o papel coa receita e leu: "Unha cullerada de tinta chinesa despois do almorzo; outra, logo da comida; e outra, na cea, durante trinta días... Volva ao cabo do ano".

Deste xeito, o boli volveu escribir as fermosas historias que tanto lle gustaban a Pedro... sempre que fose ao médico cada ano e tomase daquela, tres veces ao día, a súa medicina.

Jorge Fernández Beloso
CEP Sequelo [Marín]

O arco da vella

Había unha vez unha pequena camelia chamada Amelia. Amelia tiña unha cor preciosa ata que, de repente, a súa cor ía desaparecendo. A súa nai intentou animala cando estaba descolorida, pero ela non se convenceu e seguía preferindo ter a súa cor.

Un día Amelia coñeceu unha nena chamada Xícara e contoulle o que lle estaba pasando; entón, Xícara decidiu axudala.

Pensou e pensou... ata que se lembrou do que lle contara, había tempo, á súa irmá. O conto era que, cando saíra o arco da vella, debería recoller os primeiros raios de cor, e así con eles, podería pintar e colorear o que quixese.

Regresou á casa rapidamente a preguntarlle á súa irmá Manuela como se facía o arco da vella. Comentoulle que cando os raios de sol traspasaban as gotas da chuvia se podía contemplar esa marabilla da natureza.

Xícara pensaba que iso que lle estaba dicindo eran parvadas. Cría que o arco da vella eran os refl exos dalgunhas estrelas brillantes. Pero, ante a dúbida, decidiu pensar como chegar ata el.

De noite soñou que inventaba un coche máxico e, cando se poñía en marcha, despegaba coma un foguete. Fuuunnn!!! O vehículo, que tiña ordenador a bordo, sabía o camiño que tiña que percorrer ata o arco da vella e chegaba no tempo de pechar os ollos e volvelos abrir. Cando o tocou, colleu as cores que lle interesaban e volveu á Terra para pintar de cores a camelia.

Á mañá seguinte, cando se levantou, observou no xardín que todas as camelias estaban tinguidas de cores, ata Amelia. Era fantástico que o seu soño se fi xera realidade. 

Sabela Ferradás Rodríguez
CEIP Xesús Golmar [Lalín]

O meu boli está enfermo / O arco da vella
Comentarios