Opinión

Mil historias como esta / Negra sombra

Mil historias como esta

Na terra onde nacín, tiña todo o que precisaba para ser feliz o resto da miña vida, quería quedar alí para sempre. Neste lugar estaban os meus avós, os meus pais…, toda a miña familia. Gustábanos o inverno; os días de orballo que nos deixaban pingando e nos que ao escampar aparecía o arco da vella. Eses días podía asexar as Illas Cíes; os seus acantilados, as gaivotas que viñan voando por riba dos barcos e, de noite, como o seu faro avisaba dos perigos. Pero... imos ao conto.

Todo comezou un día de verán, o máis caloroso que recordo. A media tarde, chegaron refachos de aire quente que levantaban a terra seca. De súpeto, unha bandada de merlos botou a voar; isto estrañoume, xa que adoitan ser moi tranquilos. Os coellos agocháronse nos seus tobos e os xabarís fuxían dun perigo que eu aínda non coñecía. Canto máis caía a noite, máis se notaba o clarón que asomaba polas montañas. Desaloxaron as casas veciñas..., deixáronme só. E no silencio da noite só se escoitaba como o lume chascaba a madeira. Vía como as faíscas se elevaban no aire e prendían ao meu redor. Cercado polas lapas, non podía crer que esa manta vermella e ardente podía acabar co meu fogar… Non fun quen de escapar.

Nun intre, desaparecera a miña familia, o meu equipo..., o meu souto. E agora nesta segunda vida, podo escribir da túa man, máis de mil historias. A non ser… que me saques punta moitas veces.

Nuria Costas Misa
CPI Fontes-Baíña [Baiona]

A negra sombra

Ante min, unha longa e ancha estrada, non sabía nada; só sabía que tiña que correr, correr, correr...

Aquilo perseguíame, non podía observar ben de que se trataba. Podería ser unha meiga, para facer de min o almorzo do seu moucho; tamén podería ser algún extraterrestre para levarme a outro mundo; fose o que fose, tiña medo, moito medo.

Seguín correndo ata que non puiden máis, estaba cansa; os meus pés, ensanguentados, e o corazón latíame a mil por hora. Deime conta de que aquela sombra seguía a correr. Non sei de onde saquei as forzas, pero levanteime do chan, onde estaba descansando, e fun cara ao monte. Despois doutro gran tramo correndo, vin ao lonxe unha cova; sen pensalo dúas veces, fun onda ela e metinme dentro.

Tapei a cara coas mans e chorei, vaia se chorei, non podía ver nada, estaba moi escuro; máis ao lonxe decateime da sombra, viña cara a min, cada vez estaba máis preto, máis preto, máis preto... Ata que chegou. Berrei, berrei por esa persoa que sempre ven e me protexe, pero non daba chegado. A sombra achegouse a min e miroume cos seus verdes e grandes ollos. De súpeto, oín a súa voz: "Veña, Clara, levanta, que perdes o bus...". Abrín os ollos e deime conta de que todo fora un pesadelo.

Aínda que agora sei o que era aquela sombra, era o medo do meu día a día, ás patadas, aos insultos, aos berros... É todo aquilo ao que me teño que enfrontar cando soa a campá do colexio.

Xiana Dios García
CPI da Torre-Cela [Bueu]

Comentarios