Opinión

A miña mellor amiga... / Boas vistas

A miña mellor amiga

Que divertida es! Pasaría todas as tardes xogando contigo. Nunca te cansas nin te queixas. A meus pais non lles gustas nada, pero para min es a miña mellor amiga. Es pequena, tirando a delgada, simpática e gústache vestir sempre de cor negra. Pídoche cousas e ti sempre mas das. Que marabilla! Cando xogamos xuntas déixasme elixir a min os xogos. Que máis podo pedir?

Todos os días cando chego á casa do colexio tes as pilas postas para pasar un bo momento comigo. Es tan especial! Todo che parece ben e nunca discutes por nada, por iso te convido a ir a todas as partes da miña man. Canto te quero! Canto me gusta estar abrazada a ti! Non pasas desapercibida para ninguén. Os meus compañeiros e o meu irmán vólvense tolos cada vez que saben que te vou levar comigo.

Sabes cal é a túa mellor calidade? Que sabes gardar moi ben os segredos. Contigo estou segura de que non llos vas contar a ninguén. Ademais, que lista es! Todas as dúbidas que teño cos deberes consegues solucionarmas.

Hai xa tres anos que te coñezo. Viñas dun país estraño para min (Afganistán), pero desde o primeiro día que te coñecín souben que fariamos moi boas migas.

Esperta María, espeeeeeeerta! Hora de ir ao colexio. Levanteime e aí estabas ti no meu cuarto. Como puiden pensar que ti eras a miña mellor amiga? Nin de broma! Ti non es máis que un simple invento. Unha tableta.

A miña mellor amiga é unha persoa coma min, coa que podo intercambiar opinións, xogar, falar, que non me rouba tempo para facer o meu deporte favorito, que se estou triste me pode dar un consello etc. Non vou perder máis tempo contigo, así que te apago: off.

María Moldes Entenza
CEIP O Carballal [Marín]

Boas vistas

Encóntrome nun sitio moi acolledor do meu fogar, teño dez anos e cheguei aquí despois dunha viaxe moi longa onde me trataron con moito agarimo.

Eu podo observar a xente e ver os seus distintos sentimentos; ás veces síntome culpable porque a tristeza os invade e outras estou ben porque están máis ledos, e en ocasións téñoos a todos hipnotizados. Algúns días ignóranme e dedícome a durmir; aínda que sempre teño a compaña dos meus amigos, os nenos, que me apalpan moi a miúdo, recordo un aniversario no que rematei cuberta de chocolate e nata, pero paseino moi ben vendo a cara de ledicia dos nenos. Sinto envexa dos que están tapados en fronte miña coa súa mantiña, cando comen lambonadas e cando se fan grandes celebracións.

Escacho da risa cando andan espidos pola casa e pensan que ninguén os ve, pero o que non me fai moita graza é cando a xente está moi tensa e non se pon de acordo e maréanme con tanto cambio. E o meu principal inimigo é un mandón, porque ten moitas teclas que todos queren coller.

Un día soou o timbre e vin que un home traía unha caixa moi grande e estreita; e lin nela TV pantalla plana, puxérona ao meu carón e dixen:

–Ti, por que estás aquí?

–Veño ocupar o teu sitio.

Quedei moi triste. Entón sacáronme, nese momento lembrei as veces que eu era testemuña das bágoas da xente, e agora son eu a que esta chorando porque xa non lles faría máis compaña, que era o que máis me gustaba.

Pasáronme pola cabeza todas as vivencias que pasei estes últimos dez anos no meu fogar.

Agora, atópome aquí rodeada de moitas coma min, no punto limpo, esperando a saber que farán de min...

Sarai Navarro Alonso
CEIP Plurilingüe Palacios [O Porriño]

Comentarios