Opinión

Miña nai... onde está? / Na fronte

Miña nai... onde está?

Non a atopo, non sei onde está, estou con moita xente, pero síntome só.

Todos levan caras tristes. Levanto a cabeza para atopar rostros de complicidade, pero todos miran ao chan. Diante miña está un coche e, atrás, unhas mulleres chorando, estoume angustiando, doulle a man a meu pai, a outra man queda libre, falta ela, miña nai.

Hai uns días foi traballar, e non volvín vela. Pregunteille ao meu pai

–Onde está mamá?
–Está traballando.
Soábame a mentira, non podía ser, nunca botaba todo día fóra, e xa levaba dous…

Esa noite saín buscala.

Fun á fábrica, onde traballaba, estaba pechada. Vin unha luz, achegueime, estaba un vixilante. Pregunteille:

–Ola, son Mario, fillo de Lucía, viches a miña nai?
–Leva días sen vir... Debeu sucederlle algo indo para a casa, e ti deberías estar durmindo.
–Vale –dixen decepcionado–, xa marcho, grazas.

Coeime na casa, sen que meu pai se decatase, e metinme na cama, lembrando as palabras do vixilante: "Debeu sucederlle algo...".

A noite seguinte fixen o percorrido que debeu facer ela. Atopei o seu pano, pero oín un ruído… Vin unha sombra detrás miña, corrín ata chegar á casa, petei con todas as miñas forzas… Abriume meu pai, e díxenlle: Atopei o seu pano... Mandoume sentar e con algunha bágoa díxome:

–Mamá non volverá.
–Andrómenas, si que o fará, dígocho eu.

Funme para a cama chorando.

Á mañá seguinte meu pai espertoume cedo, e díxome:
–Vamos...

Non a atopo, non sei onde está, estou con moita xente, pero síntome só.

Todos levan caras tristes. Levanto a cabeza para atopar rostros de complicidade, pero todos miran ao chan. Diante miña está un coche e, atrás, unhas mulleres chorando, estoume angustiando, doulle a man a meu pai, a outra man queda libre, falta ela, miña nai…

Non eran andrómenas, miña nai non volveu…

Noelia Lago Carpintero
IES de Chapela [Redondela]

Na fronte

A suor percorría o meu corpo, tensábame máis por cada segundo que pasaba. O momento acercábase a unha velocidade inimaxinable para min.

Todos ían e viñan para controlar todo, eu repetíame constantemente que non podería haber marxe de erro. Xa vía a miña cabeza rodar dende a guillotina se iso pasase.

O feito de ver os meus compañeiros saír cara aquela matanza revolvíame o estómago. Tantos meses xuntos e agora todos iamos ver quen realmente valía e se preparara ben.

Asomeime con discreción a observar e analizar o panorama cando unha forte luz me cegou e provocou que os meus ollos brillasen. Apartei a vista axitando levemente a cabeza, na procura de convencerme de que cando o pistoletazo de saída tivese lugar, nada malo ía pasar.

Por un momento mergulleime nos meus pensamentos, abandonando a realidade por instantes. Un aviso e roce no meu ombreiro despistoume daquel transono que me estaba a mergullar, e deime conta de que xa era hora.

Un paso, outro paso, un máis. Por fin internárame no campo de batalla, afastándome daquela escura trincheira, onde cantidades de ollos tiñan plenas expectativas sobre nós.

Mirei atemorizado á fronte, decidido a facelo o mellor posible. Abrín os meus beizos, disposto a falar, o nó da gorxa fíxose máis estreito, sentíame afogado. Todo o que recordo foi un lampo, que de repente se tornou negro.

O meu esgotado corpo caeu ao nada.

Unha milésima despois, logo de enfocar a mirada, visualicei unha sala.

Coñecíaa ben, moi ben. E alí estaban eles, os de sempre. Algo desconcertados, esperando o meu movemento. Escoitei un suspiro do director:

–De novo, con máis sentimento, estádelo facendo ben.

Sofía Mateos Pedrayo
IES Rosais 2 [Vigo]

Comentarios