Opinión

A miña vida / Maldito espello

A miña vida

Eu vivo con Lea nunha aldea no medio do bosque.

Hoxe é o último día das vacacións de verán, entón, saímos xogar fóra; xogamos ás carreiras toda a tarde ata que chegou a noite, e os pais de Lea mandáronnos ir para a casa, posto que maña ela volvería ás súas clases.

Ao día seguinte Lea foi ao colexio. Ela vai en sexto curso, un curso moi difícil.

Agora, polas tardes, ela ten que estudar e xa non me fai caso; estou desexando que remate o curso.

Pasados moitos meses, para min unha eternidade, rematou o curso e Lea veu buscarme; pero cando foi xogar comigo decatouse de que medrara moito e eu xa non lle servía.

Como estaba preto o seu aniversario, o seu pai substituíume por outra máis nova, máis bonita, máis grande…

Leváronme a un sitio que ulía moi mal, eran uns colectores! De súpeto, un camión colleume e levoume a un sitio onde, segundo as miñas compañeiras, ía rematar a miña existencia; e así foi. Unha máquina esmagoume e converteume nunha montaña de ferros, os cales serviron para fabricar a estatua da troita que teñen na vila de Ponte Caldelas.

E así é a vida dunha bicicleta; para ser exactos, a bicicleta de Lea.

Sara Orgando Rivas

CEIP Manuel Cordo Boullosa [Ponte Caldelas] 
 

Maldito espello

Era un día como todos os días, unha mañá como todas as mañás, un minuto como… De súpeto, levanteime, pero sabía que nese día podían pasar cousas moi estrañas. Foi o momento no que toda a miña vida cambiou sen motivo, sen razón.

Levanteime e púxenme a mirar pola  estra. O ceo estaba gris. Fun cara ao baño e vinme no espello, a miña cara era branca, branca coma a lúa, branca coma unha folla de papel, branca coma a escuma do mar revolto.

O meu ollo esquerdo estaba atravesado por unha enorme cicatriz que convertía a miña mirada doce en algo terrorífi co. Unha suor empapou a camiseta branca que me chegaba ata os xeonllos.

Confusa, a miña mente daba voltas, voltas sen parar. Na casa non había ninguén, só eu.

Vou cara ás escaleiras, perdín a noción e caín rodando sen poder evitalo. Cando espertei, volvín arriba de novo, mireime no espello… Non o podía crer! O que quedaba da miña face xa non estaba. Aquel ollo marrón era agora un oco onde soamente había escuridade.

De súpeto, escoitei ruídos que saían da cociña. Chea de pánico, voume achegando, cando… unha sombra xigantesca cubriume e atravesoume o corazón, murmurándome palabras que non consigo entender.

Notaba que a miña alma se afastaba do meu corpo, ao tempo que, coma se alguén tirase por min, espertei agarrada ao meu caderno, onde a noite anterior estivera escribindo esta historia.

Andrea Otero Piedras

CEIP Santo Paio de Abaixo [Redondela]

Comentarios