Domingo. 23.09.2018 |
El tiempo
Domingo. 23.09.2018
El tiempo

A obra do mestre / Doce fulgor

A obra do mestre

Luís e Fidel eran dous mozos que traballaban cun vello canteiro. Levaban xa cinco anos e estaban moi satisfeitos co que facían. Cada día acudían ao seu taller e el íalles ensinando todo o que podía. Ademais, como non tiña familia, tratábaos coma se fosen os seus propios fillos.

Aquel pobre home tiña moito interese en que todo o seu saber, herdado dos seus devanceiros, non quedase no esquecemento tras o seu pasamento e vira neles a solución a aquela inquedanza.

Un día levounos ao monte a recoller una rocha. Semellaba que botara moito tempo buscando aquela pedra e cando deu con ela soubo que era perfecta para o que quería. Con moito coidado, carrexárona ata a súa propia casa; non quixo que a pousasen no taller, senón alí.

A partir daquel día comezou a traballar el só, en segredo. Non quería que ninguén vise aquel traballo ata estar rematado e nin sequera eles tiñan permiso para entrar alí. Cada noite na súa casa, a golpe de maceta e punteiro íalle dando forma á súa obra mestra, aquela que quedaría como o seu legado cando xa non vivise.

Pasou o tempo, e un sábado no que Fidel e Luís viñan de troula, ao pasar por diante do taller, o alcol avivou a súa curiosidade e deulles azos para entrar a ver a obra secreta do mestre. Saltaron ás agachadas pola ventá, que non estaba pechada como adoitaba e, coa axuda dunha lanterna, iluminaron o cuarto. E alí estaba: unha grande estatua co nome do canteiro e unha data… a daquel mesmo día! A el non o viron, pero un tremor percorreulles o corpo e o medo fíxoos saír a fume de carozo.

Pola mañá as campás da igrexa tocaban a morto e eles sabían ben por quen.

Virginia Suárez Iglesias
IES Mestre Landín [Marín]
 


Doce fulgor

Foi cousa dun intre. Vino pasar, detrás da xanela, coma un raposo. Fíxenme coas redes e os cebos: un tarro de mel, un alfil de prata.

Botei a correr e puiden velo desaparecer de novo, mergullándose entre as herbas silvestres, esvarando coma un vento cara ao bosque.

Xamais daría con el ás carreiras, así que urdín un plan. Os lombas son caprichosos, caprichosos coma cativos, e sempre foi moi coñecido o seu entusiasmo polo mel e a súa debilidade pola prata. En xeral, todo o que sexa doce ou brillante os fai tolear.

Subido a un carballo, saquei o alfil, e fixen quebrar os raios do sol na brunida figura, soltando escintileos cara á fraga. Iso bastaría para chamar a súa atención.

Entre as raíces da árbore deixei o tarro de mel, e eu fiquei nas pólas, coa rede preparada para caer sobre aquel desafortunado lomba.

Non tardou en xurdir entre as xestas. Pequeno e escorregadizo, miraba aos lados, desconfi ado... De súpeto, abalanzouse sobre o tarro e bicou as pingas que rebordaban pegañentas.

Considerei xusto deixalo desfrutar un anaco. Que inocente! Cando reparei, xa apareceran centos de lombas. Que centos?! Miles! Millóns! Que barullo arrepiante! Tratei de agocharme entre as pólas máis altas, pero ao moverme fixen escintilar o alfil de prata, e os lombas dirixíronme a súa unánime mirada. Tremo só de lembrar aqueles ollos escrutadores! Pero entón non sei que tolemia me entrou, que me precipitei sobre eles, e os lombas esvaecéronse coma unha nube de po.

Cheguei á casa, mazado.
–Os lombas existen! –berrei.
–Está bébedo! –riu miña irmá.
–Non, teño probas!
–E saquei o tarro baleiro.
–Vai durmir a mona, rapaz! –clamou meu pai.
Miña nai afundiu o seu rostro nas mans.
–Cada día está peor! –choraba. 

Nicolás Vázquez Ben
Facultade de Belas Artes [Pontevedra]

A obra do mestre / Doce fulgor
Comentarios