Opinión

Oportunidade / Un outono de despedidas

 

Oportunidade

Agora estabamos os dous sós. Era a miña oportunidade. Pasou moito tempo dende a morte dos meus pais. E alí estaba Esmerxilda, a miña amiga, o meu amor.

Hai tres meses que nos coñecemos. A maxia xurdiu nunha discoteca de Pontevedra, ela saíu a bailar e eu vina. As luces reflectíanse no seu vestido de brillantes, parecía unha estrela. Cegoume a súa beleza. Era a miña oportunidade de ir por ela. Estaba en fronte miña, mirámonos e parouse o tempo, a música apenas se escoitaba e os demáis desapareceron, quedamos nós sós. Unha semana despois, volvemos a atoparnos e entón foi cando me presentei: "Ola, chámome...". E ela contestoume: "Ola! Eu son Esmerxilda". Ao día seguinte tiveramos unha quedada e foi cando nos coñecemos máis a fondo, estivemos toda a noite falando sobre nós, só nós. Namoreime, moito. Pero el díxome que non valía a pena sufrir por ela. El sempre me dicía o que tiña que facer. El foi quen me axudou coa morte dos meus pais. Sangue.

Agora estabamos os dous sós. Era a miña oportunidade. Pasou moito tempo dende a morte dos meus pais. E alí estaba Esmerxilda, a miña amiga, o meu amor. Acercámonos un ao outro. Sentiamos a calor, ía moita calor naquel cuarto. Paixón, gritos e sangue. Xa me desfixen de tres corpos. Agora a cuestión era: como vou facer para desfacerme do meu corpo?

Wisam Aliqua Yasser

IES Faro das Lúas [Vilanova de Arousa]

 

Un outono de despedidas

Hoxe é un día de despedidas... Levaba moito tempo preparándome para esta data, xa estaba lista para tomar o meu voo, xa tiña unha idade e sabía que podía e debía facelo, mais dábame mágoa ter que deixar o meu fogar, a miña familia... Vivira tantos momentos bos aquí; erguerme co canto dos paxaros, ver os sorrisos dos nenos... Aínda que tamén había momentos duros: as nevadas invernais nas que a neve me cubría e a choiva me empapaba, ou o sol abrasador de xullo, que queimaba e manchaba a miña pel... Sexa como sexa, xamais esquecerei todos os momentos que vivín neste lugar, onde nacín, crecín, e dende onde vou emprender a miña viaxe. Debo emprender esta aventura; é o ciclo da vida, teño que deixarme levar e quizais, se teño sorte, incluso algún día me volverei atopar coa miña familia.

Xa era a hora, o vento sopraba con forza... E eu emprendín o meu voo. Dende arriba puiden ver a cafetería da rúa central, a panadería Altamira, da que tanto falaban na miña rúa... Pronto deixei atrás todo canto coñecía e perdín o medo, xa que explorando novos horizontes me decatei do incrible que era Galiza. Todo canto se estendía ante min era verde, a paisaxe tinguida polas cores alaranxadas do outono...

Nese intre, decateime de que a viaxe que emprendera chegara á súa fin, polo que baixei amodo e deixei que o vento me levara... Unha vez abaixo, mirei ao meu redor: atopábame nun fermoso xardín, no que os nenos xogaban, as parellas paseaban abrazadas..., cando de súpeto, o xardineiro me arrastrou co anciño ata un montón de follas e me botou á cesta. Alí, xunto a todas aquelas follas e, polo tanto, coa miña posíbel familia nova, decateime de que a miña viaxe como folla chegara á súa fin.

Yashira Álvarez Ramírez

IES Pedras Rubias [Salceda de Caselas]

Comentarios