Sábado. 22.09.2018 |
El tiempo
Sábado. 22.09.2018
El tiempo

Que susto! / Guerra

Que susto!

Aínda era noite cando ía saír da casa. Mireime unha vez máis no espello para colocar ben a mochila e abrín a porta. Fóra ía frío e unha néboa espesa envolvía todo. Aínda que era un pequeno treito o que había que percorrer dende a miña casa ata a da miña veciña, tería que abrigarme ben se non quería coller un bo arrefriado. Abrochei o abrigo ata o pescozo e pechei a porta detrás miña. Como o farol estaba outra vez avariado, comecei a camiñar ás escuras. O camiño trazaba una pequena curva e era costa arriba; coñecíao de memoria, así que sabía por onde tiña que ir.

Era unha mañá calquera, pero eu sentíame estraña, coma se me observasen. A inseguridade apoderouse de min e eu só pensaba en apurar o paso para chegar o máis rápido posible ao meu destino. Un estalido. Sobresalteime, pero ao momento caín na conta de que fora una rama que pisara sen querer. O meu corazón ía desbocado e quería saír do meu peito. Botei a correr cara ao farol seguinte e ao chegar parei en seco e timbrei na cancela. A luz baixo a que me encontraba deume valentía dabondo para mirar detrás miña, e alí estaba. Unha cara sinistra observábame e baixo una roupa vella distinguíanse unhas extremidades amorfas…

Nese intre, abriuse a cancela e, aterrada, precipiteime dentro da propiedade. Mari miroume, confundida, e cando levou a mirada cara ao camiño suspirou e dixo:

–Xa lle dicía eu a Maruxa que mellorase o espantallo antes de poñelo, que se parece ao seu home!

Sara Soliño Iglesias

IES Illa de Ons [Bueu]

Guerra

Os arqueiros xa estaban en cadansúa torre, os cabaleiros montaban no seu cabalo, as catapultas a punto para disparar, o rei non paraba de dar voltas no interior do seu dormitorio con cara de preocupación, as tropas inimigas tíñano todo preparado, entón irrompe na sala onde se atopa o rei un cabaleiro:

–As tropas están listas, supérannos en número, pero poderemos con eles.

–Perfecto, que se preparen, que vou dar a orde de ataque.

–Si, señor –vaise.

O rei sae ao balcón do seu dormitorio, acompañado dun cabaleiro cun corno

–AO ATAQUEEEEEEEE –soa o corno e os cabaleiros saen ao galope mentres berran.

–POLO REI, POLA NOSA TERRA.

Nese intre vólvese escoitar o corno e ducias de frechas con lume voan polos aires deixando un ronsel que semella un lucecú.

No campo de batalla míranse centos de cabaleiros loitando polas súas vidas, polo seu rei e polo seu pobo.

Berros de desesperación, sons metálicos producidos polo rozamento das espadas, sangue que brota de todos os corpos tendidos, centos de palabras esquecidas, paz, amor, amizade...

Ao rei esváralle una lágrima do ollo, pasa pola meixela, ata a comisura dos beizos, descende ata o queixo, e cae ao chan debuxando nel a palabra esperanza; entón...

–Xoán, e se agora xogamos ás bonecas?

Ángel Vidal Rodríguez

IES Salvaterra de Miño [Pontevedra]

Que susto! / Guerra
Comentarios