Martes. 25.09.2018 |
El tiempo
Martes. 25.09.2018
El tiempo

Riiiiiiing! Soou o espertador / A árbore vella

Riiiiiiing! Soou o espertador

– Que sono! Vou seguir durmindo. Katty, ven á cociña! –chámame a miña nai.

Espreguízome e levántome da cama. Que ben ole! Dende a cociña vén un olor irresistible da comida. Teño que ir ao baño, pero pode esperar ata despois do almorzo. Diríxome á cociña, paso por diante do sofá, non podo resistirme, subo nel e salto, téñenmo prohibido, pero aproveito para facelo agora que non me ven. Que divertido! Chego á cociña, mamá faime un agarimo e tomo o almorzo nun santiamén. Que rico! Por fin saímos á rúa. Fronte á nosa casa hai un xardín e corro detrás dunha pomba.

– Katty!, vén aquí –dime mamá. Pero de súpeto, a pomba xírase e petéirame nun ollo. Que dor!

Mamá mírame preocupada, di que me vai levar á clínica para curarme o ollo.

Cando unha señora con bata branca nos atende, dille a mamá que teño que quedar na clínica. Nooon! Non quero! Daquela protesto, póñome como tola, cóllenme e métenme nunha gaiola. Isto é un pesadelo! Non me pode estar pasando! É unha gaiola non máis alta ca min, teño que estar encollida, estou tremendo, teño moitísimo medo. Mamá! Mamá! Onde estás? Ninguén me contesta. A señora de antes vén e ponme unha inxección. Dóeme! Hai outros coma min en gaiolas, que choran. Estou moi cansa, tráenme comida, pero non teño fame. Que vai ser de min? Que van facer comigo? Vanme vender? Oín nas noticias que había xente que trafi caba con órganos.

Prégocho, mamá, volve por min! Serei boa a partir de agora, prométoo! Quedo durmida.

Un golpe espértame de súpeto, están levándome dentro da gaiola. Onde?...

Vexo a mamá, que me saca da gaiola, que feliz son! Movo a cola, mamá ponme a correa e voume con ela para a casa. Quérote, mamá.

Alicia Leis Gómez
CEIP Altamar [Vigo]

A árbore vella

N unha montaña moi alta, vive unha árbore moi vella, é por iso que a xente do lugar lle chama a Árbore Vella. Cada ano, das súas pólas vexo medrar moitas follas e moitas flores, que lles serven de refuxio aos esquíos e aos paxaros que a visitan todas as primaveras.

Todos os días, vexo os nenos do pobo xogar arredor dela; os namorados tombarse baixo a súa sombra no verán e aos velliños que pasean amodiño collidos da man.

Pero este ano non floreceu, os esquíos e os paxaros non viñeron, tampouco os nenos e os vellos. Os veciños do arredor reuníronse e decidiron cortala, xa que tiñan medo de que caese e alguén resultase mancado. A min dáme mágoa que fagan iso e quixera axudarlle, pero non podo só, non teño a auga que ela precisa, e niso estaba, cando de súpeto escoitei un balbordo, eran os veciños que viñan con motoserras cortar a árbore.

Cando ían comezar a cortala, o ceo volveuse de cor gris e as nubes empezaron a descargar auga, foi entón cando os veciños decidiron marchar, foi tanta a auga que caeu que de alí a uns días a árbore vella volveu a renacer, as súas follas medraron, floreceu e todo volveu ser coma antes.

Dende aquel día nós os tres: a árbore vella, a choiva e mais eu, o Sol, somos moi felices.

Sara Lusquiños Álvarez
CEIP Plurilingüe Outeiro das Penas [Redondela]

Riiiiiiing! Soou o espertador / A árbore vella
Comentarios