Opinión

Só / Vaia noite!!!

Só 

Cando nacín, o primeiro que vin foi unha muller de trazos asiáticos con cara de non ter durmido nada en moito tempo; pero ese momento esvaeceuse moi rápido, xa que me colleu e colocoume ao lado da que probablemente sería miña irmá e atounos cunha corda medio transparente, por enriba puxo un cartón e retirounos a unha caixa.

Escuridade. Foi o único que vin durante moito tempo, ata que un inesperado día, un home sacoume e colocoume nun estante de metal; esperei moito tempo. Cando un día espertei, estaba dentro dunha cesta, e despois movéronme e puxéronme nunha maleta; pasaron uns días e cheguei a unha casiña pequena pero moi acolledora en que había un piso onde me deixaron xunto con máis coma min.

Un día un home colleume e levoume ao seu traballo, paseino xenial, pero cando volvemos, tiroume e separoume da miña irmá; pasei moitísimo tempo alí tirado. Cando perdín toda a esperanza, alguén me colleu e me levou a un sitio onde había outros coma min. Sentín a súa tristura e, por desgraza, nunca atopei a miña irmá.

Así é a vida dun calcetín desparellado. Creo que cando sen querelo separas dous calcetíns, rompes dúas vidas.

Mateo Francisco Segovia Rodríguez
CEIP Balaídos [Vigo]

Vaia noite!!!

Aquela noite non era capaz de durmir. Todos os meus medos se facían realidade pouco a pouco. Non quería abrir os ollos, pois algo me dicía que o meu cuarto estaba cheo deles.

Entón, sucedeu algo estraño, estando durmido sentía o meu corpo caer por un barranco.

Estaría soñando? Non, non estaba soñando, pois encontreime nunha cova e para a miña desgraza, outra vez a escuridade fíxome tremer. Empecei a berrar, pero non tiña resposta. Entón escoitei ouvear un lobo e pouco despois estaba diante miña e falándome coma se nada. O home lobo preguntoume se vira pasar o home invisible. O home invisible? O que me faltaba por escoitar! Se é invisible, como o vou ver? O home lobo deume a razón e seguiu o seu camiño, entón eu volvín a caer polo barranco e encontreime nunha illa con moita vexetación e... Que tiña diante miña? Un gorila xigante, pero se é KING KONG!!! Non podía crelo, estaba diante do verdadeiro King Kong e non tiña saída. Pechei os ollos con forza como facía cada noite cos meus pesadelos, pero ao abrilos o gorila seguía alí e saudoume coma se nada, presentándose e invitándome a xogar con el. Colleume nas súas grandes mans e volvín a caer polo barranco. Ao abrir os ollos un enorme castelo cheo de morcegos misteriosamente abriu as súas portas e atopeime con Drácula. Drácula!!!! Non sei que fan aquí todos estes personaxes monstruosos! Por que non me fan dano? Drácula estaba xogando á pita altura coa súa amiga a momia e quedei xogando con eles ata que... volvín caer polo barranco...

Julián Blanco Camino
CEIP Altamar [Vigo] 

Comentarios