Jueves. 15.11.2018 |
El tiempo
Jueves. 15.11.2018
El tiempo

A sorte / Relatos perdidos

A sorte

A quí dentro todo é moi raro. Ao meu carón están os meus irmáns, non sei canto tempo poderei estar aquí, pero non teño ningunhas ganas de saír. Fóra seguro que vai frío e todo é moi difícil.

Aínda non vin a cara da miña nai, pero sei que ten una vida moi difícil. Pasa os días buscando algo que levar á boca, malvive nas rúas e non ten ninguén que se ocupe dela. Espero ter máis sorte e vivir cunha familia que me queira e me coide.

Noto algo moi estraño, creo que xa chegou o momento de saír. Miña nai xa preparou todo, está nunha esquina da rúa nunha caixiña. Espero que sexa todo moi rápido e ela non sufra moito. Xa estou fóra. Síntome raro, vai moito frío.

Pasan os días e miña nai non se separa de nós, menos mal que hai xente boa que nos dá algo de comer. Teño un pouco de medo e non sei o que nos espera e non paro de chorar.

Un día esperto sobresaltado e observo que me están separando da miña nai, lévanme nunha caixiña, teño medo, non sei que pasará. "Mamá, ven pronto!" Sacáronme da caixa e puxéronme nunha cesta moi bonita cunha mantiña moi agradable. Pasan os días e isto non se parece nada a onde estaba antes, pero estraño moito a mamá. Esta nena é moi boa, só fai abrazarme e acariciarme e, a verdade, síntome moito mellor. Que divertida é a vida, só fago xogar, xa apenas lembro a miña nai e os meus irmáns. Espero que tivesen tanta sorte coma min e teñan unha familia como a miña, que me coidan, sácanme a pasear…

Aínda que non teña pedigree, para eles son o can máis fermoso do barrio.

Aroa Otero Táboas

Plurilingüe Antonio Palacios [O Porriño]

Relatos perdidos

Estaba unha mañá fantástica; eses días era cando Nia recordaba o momento no que deixara o orfanato para cruzar aquela porta que a trouxera aquí.

Foi un día especialmente interesante na escola (nada de libros, obviamente), xa que a súa profesora lles ensinou como era ler, imaxinar aventuras... Iso que Nia tanto botaba de menos. Non lles contou ningunha historia, pero algo é algo... A pobre mestra non sabía o que acababa de desencadear...

Polo contrario, era un día normal nas rúas daquel mundo, un mundo sen historias, sen fantasía, sen aventuras. Por esa razón, Nia convenceu a todos (en segredo, claro) para cambiar esa ditadura de libros. Quedaron despois do cole, e ela decidiu desvelarlles o seu segredo... Que viña dun lugar no que todos lían, somerxíanse nos relatos e había unha especie de casiñas para libros con todas as historias imaxinábeis. Os rapaces, fascinados ante semellante lugar, decidiron poñerse mans á obra e traer de volta os libros.

Os seguintes días víronse polas rúas as maiores protestas que poidas imaxinar: berros, nenos coas pancartas, manifestacións... E, sorprendentemente, os cidadáns uníronselles.

A metade do traballo xa estaba feita; o pobo estaba convencido, só faltaban os superiores, que, vai ti saber por que, odiaban os libros. Penso que ese odio se foi transmitindo de xeración en xeración, e non o sabían nin eles. Todos crían que era imposíbel, pero, aínda así, decidiron ir falar co xefe.

O que pasou agora foi tan sorprendente para os rapaces coma para os secretarios e axudantes que se atopaban alí.

Cando lle pediron (máis ben, suplicaron) ao xefe que volvese permitir os libros..., accedeu! Algúns dos presentes empezaron a cuestionarse seriamente se non se volvera tolo, pero non era así. Ao pouco tempo empezaron a construírse imprentas, comezouse a ler e Nia rematou a súa misión.

Irene Pájaro Salgueiro

CEIP de Silleda

A sorte / Relatos perdidos
Comentarios