Viernes. 21.09.2018 |
El tiempo
Viernes. 21.09.2018
El tiempo

As viaxes da vida / O pesadelo do pequeno Breixo

As viaxes da vida

Encántame viaxar. Cando era mozo, todos os días había una boa escusa para facer unha viaxe. Pero non me gusta viaxar só, así que unha parella de amigos sempre vén comigo nas miñas aventuras. Eu son máis de chegar a un sitio e quedar a descansar relaxadamente mentres eles percorren os arredores dos que me falan ao chegar xunto de min.

O tempo vai pasando e xa levamos case vinte anos de amizade e viaxes. A parella agora xa se converteu nunha familia, con dúas nenas pequenas cheas de saúde, entusiasmo, ledicia e xoguetes. Con elas apareceron novos destinos de viaxe: os colexios, os parques infantís, os pavillóns deportivos onde van ás actividades, sen abandonar as nosas excursións de sempre á praia, ao río, ao monte, á cidade...

Na última excursión que fixemos, nunha saidiña das nosas, hai un mes,sentín que me cansaba de máis. Tiven que parar a descansar e xa non me sentía con forzas para continuar. Os meus amigos intentaron de todo para que me recuperase, pero ao fi nal tiveron que chamar a una especie de ambulancia que me arrastrou a un edificio cheo de máquinas onde me soen curar cando me atopo mal. Pero esta vez os homes vestidos de azul observáronme detidamente, falaron cos meus amigos e decidiron transportarme ata este estraño lugar, un que lle chaman «despezamento», onde aproveitan algunhas pezas dos automóbiles e onde agardo a miña quenda. Só espero que as partes de min que aínda serven poidan seguir desfrutando de viaxes e excursións noutros coches.

Lucía Castrillo Sánchez
CPI Manuel Padín Truiteiro [Soutomaior]

O pesadelo do pequeno Breixo

Había unha vez un neno chamado Breixo, que estaba xogando no seu cuarto. De súpeto, atopou un pequeno espello tirado no chan no medio dos seus xoguetes. Colleuno e mirouse nel, pero non conseguía entender que pasaba... A imaxe era totalmente idéntica a el, pero non repetía os xestos que el facía. Cando el sorría, a imaxe poñía cara seria e cando el poñía cara seria, a imaxe sorría. Estrañado, Breixo probou a tocar a punta do nariz mirando cara ao espello, pero a imaxe, en vez do nariz, tocou unha orella. Se Breixo tocaba a orella, a imaxe tocaba o nariz... Non había maneira con ela! Aquela imaxe tiña vida propia! Facía o que lle petaba!

Enfurecido, Breixo tirou o espello contra a parede, pero o espello non rompeu. En vez diso, ao caer ao chan formou unha enorme nube de po e fume e do medio dela saíu a imaxe de Breixo. Esta púxose a mofarse e a facer garatuxas diante súa. Brincaba e daba voltas arredor del, botáballe a lingua..., era imposible controlala!

Breixo quería afastar aquela imaxe del. Pero cada vez que estiraba as mans para empurrala, a imaxe desaparecía entre os seus dedos. Intentouno unha e outra vez, e nun dos intentos, sen querer, pisou o espello e este aspirouno cara ao seu interior. Alí dentro todo estaba moi escuro e frío. Breixo asustouse e botou a chorar e a berrar. A súa nai oíuno e foi correndo ao seu cuarto para ver que lle pasaba. Achegouse á cama onde estaba durmindo e sacudiuno polo ombreiro. Naquel intre, Breixo espertou e entón decatouse de que toda aquela aventura non fora máis ca un terrible pesadelo.

Gael Champene Godino
CEIP Emilia Pardo Bazán [Vigo]

As viaxes da vida / O pesadelo do pequeno Breixo
Comentarios