Opinión

Vida de balón / O inferno

Vida de balón

O balón Federico, cando era pequeno, vivía nunha tenda de deportes. Un día, uns señores viñeron cunhas bolsas e colleron moitos balóns; Federico foi un deles. Metérono nun saco con buratos e deixárono ao lado dunha porta. De súpeto, comezaron a saír moitos nenos vestidos iguais, os señores colleron o saco e sacaron a Federico. Botárono a un sitio que era de terra e polos laterais, de herba. Os nenos ían por el e Federico intentaba esquivalos, mais un neno deulle unha patada no cu que lle doeu moito e espetouno contra unha gran rede. Oíu berros de ledicia que viñan do neno que lle dera a patada. Se lla desen a el, ía estar tan contento!

Un neno con cara de poucos amigos foi por el, colleuno e deullo a outro que tiña a mesma vestimenta, e colocárono no medio e medio do campo. De súpeto, outra patada, aquilo non era vivir.

Desta vez, cando ían golpealo de novo, Federico moveuse un pouco e esquivouno. A xente comezou a dicir que cambiaran o balón, que aquel debía estar cambado e por iso tiña ese comportamento tan raro. Un señor de negro colleuno e mirouno de arriba a abaixo.

Soou un ruído e os nenos marcharon. Logo dun bo anaco, todos aqueles rapaces volveron. Federico intentaba agocharse, pero sempre o atopaban. Patada para aquí, patada para alá; logo de moitas patadas, tantas que perdeu a conta, volveu soar o mesmo ruído. Nunha pantalla grande poñía Arousa 0 - Vila de Marín 3.

Federico, canso daquel maltrato cara aos balóns, decidiu ir ao Concello e protestar. A alcaldesa atendeuno moi amable, prometéndolle que acabaría con aquilo. Dende aquela, en Marín celébrase na data do partido o Día do Balón e ao fútbol xógase con globos.

Víctor Moreira González
CEP Sequelo [Marín]

O inferno

Hoxe tocoume a min darlle de cear a Bestia, un animal fero; con fortes mandíbulas, dentes de ferro, ollos pequenos e orellas de punta e cun sentido do olfacto que te pode captar a máis de mil quilómetros de distancia. Moitos lle foran dar de comer, pero poucos volveran ilesos.

A señora Ferina é unha muller malvada e mandona, con cara de poucos amigos e moi malos modos. Cando non está ou está moi ocupada, mándanos a algún de nós que lle deamos de cear a Bestia. Sempre a mesma cea: unha costeleta quente coma se saíse do inferno!!

Ela, pola contra, di que está a dieta e sempre cea ensalada; aínda que logo a vemos comer xeados e lambetadas ás agachadas coma se fose unha cativa. Supoño que por iso ten tan malas pulgas!

Eu xa tiña un plan ideado. Non quería saír malparada do encargo. Non fallaría. Metín a pedra no peto do pantalón e collín a costeleta ardente. Primeiro abrín a porta moi, moi amodiño, logo guindei a pedra a un extremo do cuarto. Era unha manobra de distracción, despois deixaría a comida e pecharía moi rápido. Con todo, non funcionou, porque tiven que pechar a porta rapidamente para non quedar sen dedos.

–Filla, xa lle botaches a cea ao can de túa tía?

–Preguntou miña nai. –Non. Non me atrevín. Levaba un plan para que non me trabase, mais non funcionou e agora estou ideando outro.

–Que che vai facer, miña rula, se é un chihuahua!!!

Abril Rodríguez Cabral
CEIP Fontes-Baíña [Baiona]

Comentarios