Opinión

Xaneiro / Por amor á arte

Xaneiro

Como lembrarei estes días?

O terceiro andar é unha dimensión paralela á vida que vexo máis aló das ventás. Deste lado sempre a mesma atmosfera, a mesma luz, o mesmo cheiro. Un nonmundo, un non-espazo, un non-tempo.

A rutina marca o paso das horas no hospital: a falta de reloxos, é o aseo, ou a comida, o que nos ordena a vida. Porén, prefiro as tardes. Son un territorio seguro onde sei que non seguirán chegando malas noticias, onde o armazón de medias verdades que temos construído ao teu redor non se vai vir abaixo, deixándote ao bordo do abismo.

Collín o costume de fixarme na mirada das persoas que veñen. Pero ten que ser necesariamente a primeira mirada, antes de que aparenten que todo está ben, que vas saír desta. Máis que tristeza, hai sorpresa.

Véxoos e penso que a min me espertas tenrura. Con dedos trementes tratas de peitearte, recolles o pelo, queres poñer unha pinza, pero a túa torpeza é máis tenaz que a túa coquetería. Agora lembro un guecho caendo sobre a túa fronte.

Dormes engruñada, pero non quero acomodarte por medo a que espertes.

Xa non queda nin rastro das túas xeografías sinuosas, o teu corpo é unha paisaxe de ángulos e arestas.

Respiras amodo. Deixas de respirar.

Lémbrome perfectamente de cando deixaches de respirar. 

Eduardo Rodríguez Saiz 
IES Politécnico de Vigo
(Gañador na categoría de adultos)


Por amor á arte

Non podo dicir que me sorprenda, pero si que me decepciona. Dous séculos pasaron e non evolucionamos moito. Reparo nas miradas que me lanzan e leo nelas as palabras que calan, sei que me tachan de fresca e desvergonzada. Non teño nada que ocultar e non atendo aos desprezos que ás veces me dirixen, ao contrario, sorrío coa mirada á fronte, orgullosa de ser quen son. Tamén iso os ofende e escoito como din: "Mira, que alfúfara está". Se eles soubesen que por dentro morro de amor…

Nunca esquecerei o día que o vin por primeira vez, non sei de quen foi a idea de organizar unha exposición colectiva á que ambos os dous estabamos convidados. En canto o vin, o meu corazón acelerouse e por primeira vez sentín pudor ante a visión de aquel home tan perfecto. O seu rostro, o seu corpo, as súas mans, a seguridade que amosaba, a súa incuestionable beleza, a súa gallardía, a súa exquisitez. Non fun eu a única que sucumbiu aos seus encantos, sen facer nada conseguiu ser o centro de atención, os eloxios chovían ao seu redor, todas as miradas concentrábanse nel.

Coincidimos cada día durante unha semana, sempre en silencio, sempre desde a distancia. E igual que veu, marchou, deixando a miña vida do revés.

Hoxe o seu recordo regresou a min coa aparición de Paolo e Francesca, dous seres marabillosos que non se avergoñan de amosar o seu amor abertamente mentres se funden apaixonados no bico máis incrible que vin, quizá máis fermoso que O bico de Klimt.

Hoxe pregúntome se David estará ben, se o tempo deixaría algunha pegada no seu corpo louzán. Non podo evitar pensar que cando Goya me pintou espida tivo que sentir o mesmo que Miguel Anxo cando o esculpiu a el. 

Eva Castro Outeiriño 
IES Sánchez Cantón  [Pontevedra]
(Finalista destacada na categoría de adultos)

Comentarios