Opinión

A maxia das mates / Unha nova vida

A MAXIA DAS MATES

Era loira, cos ollos verdes, uns beizos curvados que debuxaban un sorriso e ao lado un lunar negro.

Aquela mañá estaba sentada no seu pupitre medio coxo, ao carón de Xabier, trazando liñas sen sentido sobre unha folla que antes fora branca e estivera no seu caderno de matemáticas.

Coma sempre, estaba aburrida, cada minuto, un pouco máis: debuxaba as liñas coa man dereita, mentres que na esquerda tiña apoiada a cabeza. A mirada estaba coma baleira, pero con iris e pupilas. Eu non podía facer nada para cambialo.

De súpeto, ocorréuseme unha boísima idea, desas que xa case non lle pasan pola cabeza a ninguén. Collín unha folla e escribín nela, logo dobreina ben.

Coma se dunha mensaxe secreta se tratase, deixeina no seu pupitre sen que se decatase e, para que a sorpresa fose aínda maior, púxenme a falar con Xabier, mentres a miraba de esguello.

De seguido encontrou a folla, xirouna para ver se poñía o nome do remitente. Non encontrou nada, así que a desdobrou paseniño, e os seus ollos examinaron aquela estraña operación matemática cunha certa expresión de sorpresa.

Logo, sorriu e pasou enfrascada as seguintes horas mentres corrixiamos outras cousas.

Ao día seguinte, xa no patio, noteina con máis ledicia… Na clase xa non lle importou que o seu pupitre estivese coxo, e, cando notaba que se empezaba a aburrir, levantábame do meu sitio, falaba con Xabier e con disimulo deixáballe un papel cun novo desafío matemático. E pasaron os días, semanas e meses, ata que chegou o verán.

O último día do curso veu onda min e díxome: "Grazas", e eu pregunteille como sabía que fora eu e contestoume: "Porque sempre ías falar con Xabier, e non é moito de falar contigo, profe".

Noa Delgado Durán

CEIP Plurilingüe Antonio Palacios, O Porriño

UNHA NOVA VIDA

A miña nova vida empezou unha tarde asollada de primavera na que Sabela e a súa familia foron merendar ao campo, a un fermoso prado que había preto dun río.

A familia de Sabela vivía na cidade, onde levaban unha vida agoniante e sedentaria, sobre todo o seu pai, que traballaba moitas horas nunha oficina e, ao volver á casa, ceaba algo rápido no sofá e xa quedaba recostado nel. Alí adoitaba pasar tamén moitas fins de semana.

Como consecuencia dese ritmo de vida, o pai de Sabela sufriu un pequeno ataque ao corazón do que puido recuperarse, pero que provocou moitos cambios nos hábitos da familia: comida saudable, máis xogos e menos sofá, paseos e excursión, e nunha destas comezou a miña nova vida, por culpa de Laura, que non tiña moita fame aquela tarde.

Despois de correr, ri e xogar varias horas, a familia marchou e eu quedei alí soa, nun currucho do verde prado, vendo pasar a primavera, o verán, o outono e o frío inverno.

Un día viñeron ao prado unha moza cun home e dous nenos. A moza facíaseme coñecida, pero non sabía de que, ao final decateime: era Sabela!, pero estaba moito maior. Alegreime moitísimo de vela sorrindo e xogando con aqueles preciosos nenos, que debían de ser os seus fillos. Sentaron baixo as miñas ramas para facer un pícnic. Lembrei aquela tarde de primavera, na que empezou a miña nova vida, cando Sabela tirou ao chan media mazá porque non tiña moita fame.

Laura de la Osa Piñeiro

CEIP San Roque, Vilanova de Arousa

Comentarios