Opinión

A porta do espello / Descoñecidos

▶ Diario de Pontevedra, en colaboración coa Fanpa e o Concello de Pontevedra, publica cada día dous dos relatos finalistas da VII edición do concurso literario
 

A porta do espello 

Noa sorriu con satisfacción ao comprobar que por fin atopara o pazo da familia Ortega. Mentres recuperaba o aire observou con atención o edificio. Era, sen dúbida, un fogar "impresionante", deses de ricos. Estaba construído en pedra, con grandes columnas e unha enorme fachada.

E, agora, era seu.

Entrou amodiño, gozando da adrenalina que pouco a pouco agromaba no seu corpo. No interior decatouse de que a maioría das portas estaban pechadas con chave. Conseguiu entrar na cociña, no comedor, nun baño e nun despacho. Tamén atopou unha pequena sala coas paredes pintadas de tal forma que simulaban o fondo mariño. 

Dese xeito o día tornouse noite.

De súpeto advertiu que, cara ao fondo da mansión, había unha escaleira de caracol que non vira con anterioridade. Emocionada co seu novo descubrimento, subiu a todo correr, pero, canto máis subía, máis lonxe parecía estar o final. Cando chegou á cúspide, estaba exhausta. Exhausta, si. Pero satisfeita. Fronte a ela estaba unha porta de cobre con estraños relevos gravados nela. Detívose uns instantes para saborear esa sensación. 

Empuxou a porta lentamente e descubriu unha magnífica biblioteca.

Tiña unha forma circular e no teito atopábase unha cúpula vidrada pola que se coaban luces de diversas colores. 

"Aquí debe de ser onde a Lúa agocha as cores que rouba", pensou Noa mentres percorría a sala. Os seus dedos rozaban os libros e un agradable formigar percorría cada fibra do seu ser.

De socate tropezou cun espello.

Noa non regresou ese día, tampouco os seguintes; a dicir verdade, non volveu nunca. Poderás atopar centos de historias ao respecto, algunhas máis certas que outras. Pero só eu sei o que pasou realmente, porque só eu a vin entrar no espello.

CLARA DURÁN SÁNCHEZ

IES Chapela  [Redondela] 

Descoñecidos 

O vento bisbábanos ao oído naquela noite de inverno. A estrada principal estaba deserta, e, aínda que ía frío, ela e mais eu andabamos descalzos. Non había nada que se puidese distinguir na penumbra da escuridade, só o apertar da súa man me recordaba que iamos xuntos entre o vaivén das horas. O traxecto era longo, non importaba. Esqueceramos por completo como conversar, pero non tiñamos ningún interese por romper o canto das aves nocturnas. Entón, a luz da Lúa iluminou os tellados das casas e mirei con temor. Podía comprobar como o meu lado salvaxe se avivaba ao introducirnos no profundo do bosque. A fame saciábaa a aventura e a falta de normas, eramos libres, capitáns do noso propio buque. Acabamos descubrindo un pequeno lago agochado entre a inmensa vexetación. Bañámonos espidos baixo as súas augas. 

Ás veces, tiñamos medo. Medo a que o Sol non volvese aparecer, medo aos pesadelos, medo a morrer ou aos raios das tormentas. Estaríannos buscando? A curiosidade de saber se eramos importantes ou non abafábanos. A miúdo oíanse renxidos entre as follas caídas das árbores. Tusiamos moito e case nunca durmiamos. Os estómagos ruxían como feroces bestas e ela pechaba as pálpebras. Preguntábame en que momento deixara de abrilas. Ao lonxe distinguíanse potentes luces, eran eles. A preocupación fíxome crer que non poderiamos escapar. Botei a correr, o meu corpo movíase sen ter forzas para facelo. O destino conduciume de novo ao lago, os focos volvíanse máis visibles e eu mergullábame no que nos pertencía agora mentres agardaba a que viñesen, eles, a raza humana.

VALERIA ESTÉVEZ LÓPEZ

IES Val do Tea  [Ponteareas]

Comentarios