Opinión

Amor a primeira vista / Unha árbore solitaria

Diario de Pontevedra, en colaboración coa Fanpa e o Concello de Pontevedra, publica cada día dous dos relatos finalistas da VII edición do concurso literario

Amor a primeira vista

A primeira vez que te vin, souben que eras para min, foi amor a primeira vista.

Ti atopábaste aló, sentado, resgardado da choiva que nese intre estaba a caer. Eu notaba como ti, disimuladamente, mirábasme de esguello, nervioso, incluso podería dicirse que asustado. Eu tamén notaba que ti querías achegarte e podía percibir como tremías, así que me armei de valor e lentamente fun achegándome eu a ti. Non sabía se ti sentías o mesmo e cheguei a pensar que fuxirías correndo.

Neses doces intres, o meu corazón palpitaba a mil por hora, sentía que me ía escapar do peito. Pero non había marcha atrás, e no preciso momento no que me puxen fronte a ti, de súpeto, erguícheste bruscamente mentres eu quedaba paralizada e asustada. Xusto nese instante pensei en dar a volta e marchar, mais miráchesme directamente aos ollos e sentín unha conexión moi forte entre nós. Souben que xamais nos iamos separar.

Decidida, acheguei docemente a miña man para tocar a túa faciana, ao que ti me respondiches lambendo os meus dedos. Collinte no colo, e mentres ti movías o teu rabiño marchamos para a casa.

Dende aquel marabilloso día ata hoxe, o meu canciño Max e mais eu somos os mellores amigos.

Daniela Rodríguez Martínez
CEP Altamar [Vigo]


Unha árbore solitaria

Ola, son unha semente e estou nun lugar escuro, moi escuro. De súpeto, caín nun burato na terra, pechei os ollos e cando os abrín estaba enterrada. Pero xa non era unha semente calquera, tiña raíces. Entón comezou a chover. Dúas semanas despois o meu corpo xa non se atopaba na terra, só as miñas raíces estaban alá. Nese momento mirei ao meu arredor, só estaba eu. Ao día seguinte, achegouse a min un xigante, fixo outros dous buratos e botou outras sementes diferentes a min.

Meses despois, tiñan froitos pero eu seguía sen eles, tiña que seguir medrando. Un día, de súpeto, dous xigantes ían polos froitos das miñas compañeiras. Cando eu medrei quedei soa, as outras plantas secaron pola falta de auga.

Dous ou tres meses despois chovía a cántaros, xeaba moito e tamén nevaba. Anos despois, a casa quedou deshabitada, só estaba eu e os restos da casa dos xigantes, e tamén estaban moitos paxaros que pronto emigraron. Entón aí estaba eu soa, era unha árbore solitaria, sen ninguén con quen falar ou pasar o tempo.

Que árbore serei? Que non lle caen as pólas pero si as follas. Canto quedará para que murche? Espero que tarde moito, estou tan ben nesta terriña tan bonita coas miñas landras.

Alberto Sánchez Guzmán
CEIP de Merza [Vila de Cruces]

Comentarios